Blogia
vgomez

LENDA DA SERPE MONSTRUOSA DE PENA TREVINCA

LENDA DA SERPE MONSTRUOSA DE PENA TREVINCA

Na Lagoa da Serpe que está na Serra de Pena Trevinca, no concello de A Veiga (Ourense), dise que alí vive unha enorme serpe que nas noites de lúa chea tranfigúrase nunha fermosa moza que pide a canto mozo pase por alí que a desencante.

 

Na noite de San Xoán, ao amencer, e antes de que despunte o sol, aparece a fermosa moza de longos cabelos negros coma o acibeche, os cales peitea con indolencia, sentada sobre unha rocha lambida polas augas da Lagoa. A moza está triste e pensativa. Leva moitos anos aparecendo no mesmo lugar, agardando que un mozo solteiro se arrisque a liberala do seu maleficio.

Hai xa bastante tempo, non preciado polo narrador, prestouse voluntariamente un arriscado mozo da aldea de Ponte. A procura de facerse rico, subíu á lagoa da Serpe na noite de san Xoán, coa finalidade de desencadeala. Entre a bela dama e o mozo ten lugar o seguinte diálogo:

- Mira mozo, sei que es valente e arriscado e confío no teu valor para desencantarme. Eu ao saír o sol desaparecerei e convertireime de novo en serpe. Atravesarei de novo a lagoa e cando me achegue a ti deberás cuspirme na boca, que levarei aberta. Se o fas así tornarei a ser o que son agora e romperase o embruxo, e deste xeito non sufrirei.

- Mira muller, son home probado e non temo a nada. Se vin aquí é para que sexas sempre coma agora, romper o encantamento e casar contigo.

- Ese será o agasallo para quen logre superar o medo de verme coma unha serpe, e igualmente serán del as enormes riquezas que atesouro e o reino que me pertence.

Comenzou a saída do sol, e desapareceu a moza e apareceu unha xigantesca serpe que cos seus silvos facía tremer ao "teso". O cal impresionou ao mozo que, pese ao seu valor, fuxiu despavorido, esquecendo as súas promesas.

FONTE: Lenda recollida por D. Eduardo Ávila Bustillo en 1965/ pradaweb.blogspot.com Imaxes: laregion.es e Emilio Blanco López

0 comentarios