Blogia
vgomez

OUTRO SISTEMA SOLAR PODE ESTAR A TIRO DE PEDRA

Científicos da Universidade de Granada (UGR) e outros centros internacionais descubriron que unha das estrelas da nosa veciñanza solar presenta un sistema de planetas tan complexo como o noso, con capacidade de albergar vida nun deles, e con presenza de multitude de corpos menores.

A estrela chámase GJ 273, tamén denominada Luyten en honra ao astrónomo Willem J. Luyten que estudou os seus movementos. Localízase a 12,23 anos luz, o que sitúa ao seu sistema planetario cunha zona habitable como o cuarto máis próximo a nós, xusto detrás do de Próxima Centauri (a 4,24 anos-luz), Ross-128 (a 10,99) e GJ 1061 (a 11,96).

Ao redor da estrela Luyten orbitan dous planetas confirmados, chamados  GJ 273b e GJ 273c, e outros dous por confirmar máis afastados, cuxos nomes serían  GJ 273d e  GJ 273e. Os investigadores predín que estes dous candidatos serían ’minineptunos’, con masas algo menores que Neptuno pero entre 9 e 12 veces a da Terra.

A análise dinámica global realizado polos investigadores revela que este sistema é altamente estable e, por tanto, moi probable. Os detalles publícanos na revista Astronomy & Astrophysics.

Respecto a GJ 273c, ten unha masa similar á da Terra, aínda que o planeta que centra maior interese é algo maior: GJ 273b. Está considerado unha  superterra e localízase preto do bordo interior da zona de habitabilidade da súa estrela anfitrioa, unha rexión onde o fluxo de radiación permite a presenza de auga líquida. Ademais, este planeta sofre un quecemento por mareas, o mesmo fenómeno polo que existen mareas na Terra debido á interacción  gravitatoria coa Lúa e o Sol, sendo un excelente candidato para a procura de trazas de vida coas futuras misións espaciais.

Segundo o estudo, o sistema planetario de Luyten tamén presenta outra similitude co noso sistema solar: a presenza de depósitos de corpos menores. Trátase de asteroides como os que se atopan no cinto de asteroides (entre Marte e Xúpiter) ou no cinto de Kuiper (máis aló de Neptuno), cuxo impacto na presenza de auga ou a produción de produtos orgánicos podería ser relevante.

Os científicos predín depósitos deste tipo ao redor de Luyten, o que, de confirmarse, podería desempeñar un importante papel na aparición e mantemento da vida no GJ 273b.

Ademais de investigadores da UGR e a Universidade de Lieja, neste estudo participaron outros do Instituto de Astrofísica de Andalucía (CSIC), a Universidade Nacional da Prata (Arxentina), a Universidade de Chile, o MIT en Estados Unidos, a Academia  Austriaca de Ciencia e o Observatorio de París (Francia)

FONTE: es.noticias.yahoo.com

0 comentarios