CANTO SABES SOBRE A PRIMEIRA GUERRA MUNDIAL? V
Continúo coa serie Canto sabes sobre a Primeira Guerra Mundial, un conflito bélico mundial que tivo lugar entre 1914 e 1918 e que involucrou a todas as grandes potencias do mundo, na que morreron máis de nove millóns de combatentes. A contestación correcta á pregunta de onte é 303 días. A batalla producida en 1916 na fronte occidental, constituíu unha das meirandes batallas da guerra e da historia. Durou dende o 21 de febreiro de 1916 ata o 18 de decembro do mesmo ano. Os 10 meses de combate deixaron máis de 700.000 baixas entre ambos os bandos, case a metade mortais. Produciuse nun terreo montañoso ao norte da cidade de Verdún-sur-Meuse, no nordeste de Francia. Dende o punto de vista francés, foi unha vitoria decisiva que freou as aspiracións alemás de romper a fronte e avanzar cara París. Dende o punto de vista alemán incumpríronse os dous obxectivos perseguidos: non se puido tomar a cidade gala e as baixas xermanas foron similares ás francesas.
E imos coa pregunta de hoxe!
5. Que foi a Tregua de Nadal?
-Unha tregua de 24 horas proposta polo Papa para o día de Nadal de 1914.
-Un feito espontáneo que detivo durante unhas horas a guerra na fronte occidental. Os soldados de ambas as frontes xuntáronse amistosamente en terreo neutral.
-Unha tregua pactada polos alemáns e os franceses para que os seus soldados puidesen pasar o nadal coas súas familias.
Mañá a solución e unha nova pregunta!
FONTE: Idea orixinal historia.nationalgeographic.com.es e Wikipedia.org
0 comentarios