É O CANCRO PRODUTO DA EVOLUCIÓN BIOLÓXICA DUN SER VIVO?
Células do cancro vistas co microscopio electrónico / Zeiss Merlin HR-SEM
O cancro é, xeralmente, unha enfermidade asociada ao envellecemento na que os factores xenéticos e ambientais xogan papeis fundamentais. Cando dicimos que é unha enfermidade asociada ao envellecemento hai que ter claro que non é só iso, e por esa razón os nenos tamén poden ter cancro, aínda que o infantil está tipificado como enfermidade rara pola súa baixa frecuencia. En esencia, poderiamos dicir que o cancro é unha consecuencia evolutiva da vida celular asociada á división das células. Cantas máis veces se dividen as células, máis erros poden aparecer e o cancro xorde unido a algúns deses erros. A modo de curiosidade, os tumores aparecen en moitas especies animais pero aínda así existen algunhas que desenvolven menos cancro que outras. De feito, para aprender do cancro humano estúdanse animais que son moi resistentes a esta enfermidade como o elefante ou outro moi curioso que é a rata toupa espida.
Para entender por que o cancro si ten relación coa evolución biolóxica hai que saber como é o noso xenoma. O xenoma está dividido en xenes. Para que o entendas, imaxínache que noso ADN é unha biblioteca, cada xene é un libro e ese libro ten receitas. Imos supoñer que a finalidade desas receitas é facer unha tortilla. A tortilla sería a proteína. Dun xene que é o libro de receitas pasamos á proteína. Cando ti fas esa receita poden aparecer erros. Eses erros serían as mutacións. E o resultado dese erro pode ser unha tortilla que che sae fatal e a funcionalidade da tortilla xa non é a mesma. Ou pode saír unha mega tortilla, se pos demasiadas patacas ou demasiado ovo sáeche tamén unha tortilla (proteína) que non funciona. O que ocorre é que ao longo dos anos, e por iso asóciase o cancro ao envellecemento, as nosas células vanse dividindo día a día miles de veces. Para esa división a célula ten que duplicar o ADN. Nós temos 3,2 x 109 pares de bases en cada célula que son os nucleótidos que forman os xenes (o que serían as letras do libro). En cada división, unha célula ten que duplicar esa enorme cantidade de letras. Se volvemos ao símil da biblioteca, imaxínache que tes que copiar un libro a man, pois seguro que vas cometer erros e iso é o que pasa normalmente nas células. En cada división que fai unha célula hai erros. Esa aparición de erros, ou mutacións, está medida: calcúlase que 35 bases por xeración saen erróneas. Esas mutacións vanse acumulando ata que chega unha que, xunto coas outras, marcan a diferenza, xa que achegan á célula unhas capacidades adaptativas distintas ao resto. Ese é o compoñente xenético. Tamén debes saber que non sempre esas 35 mutacións por xeración acumúlanse, xa que moitas se corrixen porque as células teñen sistemas para arranxar eses erros.
Cando eses erros vanse acumulando interveñen tamén os factores ambientais, por exemplo se fumas, se bebes, se te expós a radiación… Entón chega un punto no que unha célula descontrólase. Por exemplo, deixa de obedecer aos sistemas de reparación dos que falabamos antes ou estes sistemas estráganse, e as mutacións acumúlanse. Deixa de ser unha célula sa que actúa como as outras células sas e empeza a facer cousas que danan ao corpo. A partir de aquí podemos ver un paralelismo coa teoría da evolución de Darwin para os organismos: as células que desenvolvan novas capacidades adaptativas serán as que máis se multipliquen ou as que mellor sobrevivan. De feito sabemos que a metástase, que é o que realmente mata os enfermos de cancro en xeral e que é a diseminación do cancro a outros órganos, é un proceso moi ineficiente. Da maioría de células que son capaces de escapar do tumor primario morren moitísimas e das que conseguen chegar a órganos vitais como o pulmón ou o cerebro morren case todas. Só aquelas que son capaces de adaptarse a esas contornas tan diferentes a aqueles dos que saen poden sobrevivir e por iso vanse seleccionando as máis malignas, as que teñen máis capacidade de sobrevivir nesas contornas que, en principio, para elas son hostís.
A nosa especie humana xurdiu hai uns 350.000 anos grazas á acumulación de mutacións que fan que as especies estean máis adaptadas. Pero se pensamos no cancro, un tumor tarda en desenvolverse, imos poñer unha xanela duns 80 anos, a vida media dunha persoa. Ese tempo que para nós é moito, se o comparas con 350.000 anos é pouquísimo, é dicir, a capacidade que teñen as células tumorais como órgano evolutivo é enorme. As células canceríxenas están súper adaptadas e por iso adoitan ser tan resistentes. E ese é o problema para tratar o cancro.
Hai que ter claro que o cancro non ten só unha compoñente xenética, tamén ten unha ambiental. Xa sabiamos que fumar é un hábito que provoca cancro ou que a radiación solar tamén pode facelo pero tamén se está estudando agora moito a obesidade. En resumo, o cancro si está asociado á evolución e por tanto ao envellecemento, é dicir á acumulación de mutacións polas múltiples divisións das células.
FONTE: Verónica Torrano e Mª Múñoz Caffarel/ elpais.com/ciencia
0 comentarios