QUE É A HAPPYCRACIA?
"Creo que a felicidade existe como un negocio. Nas últimas décadas foi unha das industrias que máis fortemente medrou e que máis beneficios deu, porque capitaliza o malestar e nútrese tamén del. Un pódese preguntar como é que, a estas alturas, non sexamos todos e todas xa moi felices. A resposta é obvia: nin existen tales claves para ser máis felices, nin por tanto descubriunas ninguén".
Con esta formulación crítica sobre discurso da felicidade, Edgar Cabanas abre o debate entre a procura do benestar individualista e consumista, e un concepto colectivo e solidario de alegría común. "En canto convertemos a felicidade nunha elección, automaticamente o sufrimento tamén se converte nunha elección. E, entón, se sofres é porque dalgunha forma queres. A mensaxe ’Se queres, podes’ só engade sufrimento e culpa", sinala.
Edgar Cabanas é doutor en Psicoloxía, investigador na Universidade Camilo José Cela e no Centro de Historia das Emocións do Instituto Max Planck para o Desenvolvemento Humano en Berlín e co-fundador da rede internacional de investigadores Popular Psychology, Self-Help Culture and the Happiness Industry.
Publicou artigos científicos nas revistas Theory & Psychology, Culture & Psychology e Psicothema, e é co-editor da serie Therapeutic Cultures na editorial Routledge, e coautor dos libros ’A vida real en tempos de felicidade’ e ’Happycracia: Como a ciencia e a industria da felicidade controla as nosas vidas’.
0 comentarios