Blogia
vgomez

24 DE SETEMBRO DE 2.182: PEQUENA POSIBILIDADE DE IMPACTO DO ASTEROIDE BENNU

Imaxe do asteroide Bennu / NASA

O asteroide Bennu, de 500 metros de diámetro e unha das principais ameazas espaciais coñecidas, achegarase moito á Terra a partir do ano 2.135, aínda que cunha probabilidade extremadamente pequena de que chegue a chocar contra ela.

A misión OSIRIS-REx da NASA conseguiu predicir a traxectoria de Bennu durante os próximos séculos, cunha precisión de 2 metros, e estimou que en 2.135 o asteroide pasará máis preto da Terra que a propia Lúa.

A partir dese momento, a rocha espacial podería cruzar un ollo de fechadura gravitacional (gravitational keyhole) que cambiaría a súa traxectoria e levaríao directo cara á Terra.

Un ollo de fechadura gravitacional é unha rexión do espazo onde a gravidade dun planeta altera a órbita dun asteroide. E segundo os modelos da NASA son moi poucos os ollos que deberían preocupar aos humanos.

Debemos ter en conta que a probabilidade de impacto, en xeral, é realmente pequena, explicou durante unha conferencia Davide Farnocchia, autor principal do estudo.

A NASA aumentou as probabilidades do temido impacto, aínda que seguen sendo extremadamente pequenas. Desde agora e ata o ano 2.300, a posibilidade de que Bennu choque coa Terra é de 1 entre 1.750, unha porcentaxe do 0,057%.

O punto de máximo risco nun só día será o 24 de setembro do ano 2.182, cunha probabilidade do 0,037%.

Agora só temos dous ollos de fechadura gravitacional de máis dun quilómetro que debamos considerar, analizou Farnocchia, quen cre que, a pesar de que Bennu ignorará a maioría do resto de ollos, segue existindo esa posibilidade.

A pesar das ínfimas posibilidades de que suceda o impacto, a NASA anunciou a misión DART, coa que pretende deseñar unha nave de media tonelada que poida cambiar a traxectoria dos asteroides ao impactar contra eles ou contra unha das súas lúas.

Debemos lembrar que o risco de Bennu como asteroide individual é menor que os riscos provenientes dos obxectos de tamaño similar non descubertos. Por iso a NASA está a facer un gran esforzo para descubrir máis do 90 % dos obxectos próximos á Terra de máis de 140 metros de tamaño, concluíu Farnocchia.

A protección do planeta parece que marcará unha nova etapa na carreira espacial.

Hai algunhas semanas, China expuxo lanzar 23 foguetes para desviar ao asteroide Bennu, que agora se atopa a máis de 320 millóns de quilómetros da Terra.

Pola súa banda, EEUU lanzou a misión OSIRIS-REx en 2.016 para estudar a Bennu e coñecer mellor o funcionamento dos asteroides.

Nunca modeláramos a traxectoria dun asteroide con tanta precisión, afirmou Farnocchia.

FONTE: elmundo.es/ciencia

0 comentarios