CANTO SABES SOBRE A HISTORIA DA ARTE? XXIV (FIN)
Remato coa serie CANTO SABES SOBRE A HISTORIA DA ARTE como disciplina académica, restrinxida ás denominadas artes visuais ou plásticas (esencialmente a pintura, escultura e arquitectura).
A contestación correcta á pregunta de onte é Dalí. Salvador Felipe Jacinto Dalí i Domènech (1904-1989) foi un dos principais representantes do surrealismo.
Aínda que o seu principal medio de expresión foi a pintura, tamén fixo incursións no cinema, a escultura, a xoiería e o teatro, e tamén traballou como deseñador de vestiario e escenógrafo, e escribiu algúns libros, entre os que destaca Diario dun xenio (1965). Dalí é coñecido polas súas impactantes e oníricas imaxes surrealistas. As súas habilidades pictóricas adóitanse atribuír á influencia e admiración pola arte renacentista. Dalí tivo a habilidade de forxar un estilo persoal e recoñecible. Unha das súas obras máis importantes é A persistencia da memoria, tamén chamada Reloxos brandos, que data do ano 1931, e que era a imaxe da pregunta en cuestión. Tamén foi un experto debuxante. Como artista extremadamente imaxinativo, manifestou unha notable tendencia ao narcisismo e a megalomanía, cuxo obxecto era atraer a atención pública. Esta conduta irritaba a quen apreciaban a súa arte e xustificaba aos seus críticos, que rexeitaban as súas condutas excéntricas como un reclamo publicitario ocasionalmente máis rechamante que a súa produción artística. Dalí atribuía o seu "amor por todo o que é dourado e resulta excesivo, a súa paixón polo luxo e o seu amor pola moda oriental" a un autoproclamado "liñaxe arábigo", que remontaba as súas raíces aos tempos da dominación árabe da península ibérica.
E así remato esta serie, por agora, pois terá outra parte, dada a densidade do tema. Espero que servise para recordar ou ben aprender sobre a historia da arte.
Ata a próxima serie!
FONTE: Idea orixinal culturizando.com, e gl.wikipedia.org Imaxe: alejandradeargos.com
0 comentarios