DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2022
Florencio Manuel Delgado Gurriarán, naceu en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) o 27 de agosto de 1903 e morreu en Fair Oaks (California) o 14 de maio de 1987. Estudou na aldea, en escolas particulares. Aos seis anos marcharon a Palencia onde estudou cos Maristas. Rematou o bacharelato en Valladolid e licenciouse en Dereito nesa universidade con 20 anos. Exerceu como avogado no Barco de Valdeorras mentres preparaba oposicións a Rexistros, que non aprobou. Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 logrou escapar da represión franquista, cruzando a Portugal, chegando a Porto. Desde alí viaxou nun barco noruegués, escondido debaixo dunha cama, a Burdeos (Francia) e a comezos de 1938 conseguiu chegar á Barcelona republicana. Alístase no Exército, na Subsecretaría de Armamento. Ao pouco, xa como tenente, entra no Servizo de Información Periférico, dependente do Estado Maior, onde coñece a Guerra da Cal e a Líster, e reencóntrase con Castelao, Santiago Álvarez e outros valdeorreses. Nese mesmo ano accedeu á executiva do Partido Galeguista como Secretario de Propaganda. Trala guerra civil, exiliouse en México. Despois de verse pechada a súa causa política en 1959 volveu temporalmente a Galiciaa en 1968 para ver a familia, logo de trinta e dous anos de exilio. Non sería a única que vez que voltaría a Galicia. Finou o 14 de maio de 1987, cando se atopaba na casa dun dos seus fillos en California. As súas cinzas foron trasladadas a Córgomo o 12 de xullo dese ano.
A súa obra está recollida nos libros Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963), Cantarenas. Poemas (1934-1980) (1981) e O soño do guieiro (1985). Encargouse da selección e tradución de poemas franceses incluídos en Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1949) e da tradución de Cemiterio mariño de Paul Valéry.
Para completar a información sobre a súa vida e obra preme AQUÍ.
0 comentarios