Blogia
vgomez

AI-LALELO: A CANCIÓN GALEGA NA EUROVISIÓN DA INTELIXENCIA ARTIFICIAL

 

Galicia participará coa canción AI-LALELO no AI Song Contest, unha nova edición de Eurovisión adicada únicamente a cancións escritas por intelixencia artificial. A candidatura está formada por un equipo multidisciplinar de seis artistas, enxeñeiros, investigadores e músicos galegos, que teñen o obxectivo de promover a lingua e cultura galega no eido internacional, a través do uso de novas tecnoloxías. A iniciativa está liderada polo xornalista Joel Cava, da axencia creativa compostelá Cecubo Group.

O festival terá lugar o vindeiro 6 de xullo en Liège (Bélxica) e trátase dun proxecto que foi impulsado en 2020 pola radio e televisión pública neerlandesa VPRO, coa supervisión da Unión Europea de Radiodifusión, o organismo encargado do Festival de Eurovisión. Está edición será a primeira que acollerá a participación dunha canción galega no concurso. No caso de superar a semifinal, na que só se conta co voto do xurado, AI-LALELO competiría nunha hipotética final na que podería votar a cidadanía.

AI-LALELO, creada polo equipo galego a través de intelixencia artificial, pretende servir de homenaxe ás mulleres que impulsaron Galicia e a súa tradición, lingua e cultura. O tema mestura a tradición e a modernidade, baseado nas cantigas medievais galegas pero cun toque futurista grazas ao uso da intelixencia artificial na súa composición. Ademais, busca transmitir a responsabilidade da cidadanía para que a identidade galega continúe viva.

 A letra da canción narra a historia dunha costureira, unha muller galega de finais do século XIX quen, por mor da situación socioeconómica da época, compaxina o seu oficio artesanal con labores domésticos e do campo. O tema explica a situación da muller en distintas estacións do ano, cunha personaxe cada vez máis escura, ata chegar a unha especie de aquelarre de bruxas. Ademais, o equipo recibe o nome de “Ana María Prieto”, unha homenaxe á primeira muller programadora informática galega.

A composición da canción pasou por un proceso creativo que durou catro meses, comezando por lograr que a computadora aprendese a falar galego e a compoñer unha copla, a partir dunha achega de 400 cantigas do arquivo dixital Volai-vai. No relativo á letra, a propia máquina xerou os primeiros versos, cunha temática como fío argumental: a costureira nas distintas estacións do ano.

A melodía está feita a partir da copla popular A Costureira, a partir da cal o propio ordenador xerou diferentes liñas melódicas con Google Magenta. No relativo á música, graváronse instrumentos e utensilios de labranza, procesados polo sistema DDSP, conseguindo así sons de zanfona, pandeireta, bombo, prato, sacho, tixola e lata de xeito artificial.

Por último, elaborouse o videoclip da canción, tamén con intelixencia artificial, reinterpretando unha escolma de escenas típicas galegas. Co resultado final, o grupo concluíu que a dispoñibilidade dunha ferramenta adestrada en IA podería supoñer un seguro cultural para a música tradicional galega. Ademais descubríronse fortes vínculos históricos entre a musica de raíz conservada nas aldeas e o corpus altomedieval galego-portugués.

Esta é a súa letra:

Costureira en primavera

botará-la sementeira

labrarás sen ter arado; ai si, ai non

nin máis outra ferramenta

A costureira no vranhe

camisa e saia cortou

inda se ía deitare

cando o sol alvoreou

Costureira polo outono

urdidoira polo vrán

pónsell’a cara morena

e as carnes como azafrán

A costureira no inverno

coa máquina a traballare,

á beiriña da lareira

vai frío, non é verdade?

Moita sorte!

FONTE: gciencia.com/tecno

0 comentarios