CAMPAMENTO ROMANO AQUIS QUERQUENNIS A VISTA DE DRON
O campamento romano e a mansión-viaria de Aquis Querquennis, coñecido popularmente como A cidá, garda a pegada dun pasado que se remonta dous milenios no tempo. Permaneceu ocupado entre o último cuarto do século I e ata os anos 20 do II, durante a construción da Vía XVIII ou Vía Nova, calzada que comunicaba Bracara Augusta e Asturica Augusta
Está situado na parroquia de Baños (Bande-Ourense) á beira do río Limia no encoro de As Conchas, que se atopa ao 49,5% da súa capacidade máxima, segundo os datos da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS).
O encoro das Conchas, onde se atopa o campamento romano, está actualmente ao 49,5% / BRAIS LORENZO
Durante unha parte do ano o xacemento, un Ben de Interese Cultural desde 2018, non pode ser visitado. Cando sobe o nivel de auga do encoro os restos arqueolóxicos quedan asolagados. Coa seca baixou a presa e os restos do asentamento son máis visibles.
Desde o século XVI había xa noticias destes restos arqueolóxicos, coñecidos na zona como A Cidá, aínda que non foi ata o século XX cando se realizaron as primeiras intervencións arqueolóxicas, dirixidas por Florentino López Cuevillas a comezos dos anos 20. Naqueles momentos pensaban que se trataba dunha mansión romana, non dun campamento militar. Foi na década dos anos 80, grazas a novos achados e fotografías aéreas, cando se expuxo a verdadeira natureza do recinto.
Atravesa o lugar unha ruta de peregrinación a Santiago de Compostela, coñecida como Ruta da Raíña Santa, nome debido á peregrinación realizada por Isabel de Portugal, no século XIV e seguida nos séculos posteriores por numerosos camiñantes. Tal ruta coincide coa citada calzada romana Vía Nova no seu tramo inicial ata Bande e está a ser reivindicada como "camiño xacobeo" por diversas asociacións da comarca.
No lugar atópase o moderno Centro de Interpretación Aquae Querquennae-Vía Nova, que alberga un museo e varias salas explicativas do complexo arqueolóxico.
Un lugar que merece a pena visitalo!
FONTE: J.F./farodevigo.es e gl.wikipedia.org
0 comentarios