Blogia
vgomez

SOBRE A GRAVIDADE II

Continuo coas reflexións sobre a gravidade, que a NASA define como "a forza pola que un planeta ou outro corpo atrae obxectos cara ao seu centro. A forza de gravidade mantén a todos os planetas en órbita ao redor do Sol".

Se onte falamos das cuestións preliminares e un camino de xenios, hoxe tócalle a…

2. A gravidade é unha teoría, non unha lei

A gravidade é unha das catro forzas fundamentais da natureza, xunto co electromagnetismo, a forza débil e a forza forte. Goberna o movemento dos planetas ao redor do Sol, mantén unidas ás galaxias e determina a estrutura do propio universo. Aínda que a antiga lei de Newton da gravitación universal é precisa na maioría de escenarios, a física moderna utiliza a teoría da relatividade xeral de Einstein, para describila. É unha das teorías máis exitosas coas que conta o ser humano.

En física, a relatividade xeral é a xeneralización, publicada en 1915 por Albert Einstein, da Teoría da gravitación de Newton. Esta nova teoría, tendo en conta as ideas descubertas na relatividade restricta sobre o espazo e o tempo, propón a xeneralización do principio da relatividade do movemento de referenciais en movemento uniforme para a relatividade do movemento mesmo entre referenciais en movemento acelerado. Esta xeneralización ten implicacións profundas no coñecemento do espazo-tempo, levando entre outras conclusións á de que a materia (enerxía) curva o espazo e mailo tempo ao redor seu. É dicir, a gravitación é un efecto da xeometría do espazo-tempo.

Moitas previsións da relatividade xeral difiren significativamente das da física clásica, especialmente no que respecta ao paso do tempo, a xeometria do espazo, o movemento dos corpos en caída libre, e a propagación da luz. Exemplos desas diferenzas son a dilatación gravitacional do tempo, o desvío gravitacional para o vermello da luz, e o tempo de atraso gravitacional. As previsións da relatividade xeral foron confirmadas en todas as observacións e experimentos feitos até o presente. Porén a relatividade xeral non é a única teoría relativística da gravidade, pero é a máis simple das teorías que son consistentes cos datos experimentais. Mentres, hai cuestións aínda sen resposta, sendo a máis fundamental delas o explicar como a relatividade xeral pode ser conciliada coas leis da física cuántica para producir unha teoría completa e autoconsistente da gravitación cuántica.

A teoría de Einstein ten importantes implicacións astrofísicas. Apunta á existencia de buracos negros (rexións do espazo onde o espazo e o tempo son distorsionados de tal forma que nada, nin mesmo a luz, pode escapar) como un estado final para as estrelas macizas. Hai evidencias de que eses buracos negros estelares, como outras variedades macizas de buracos negros, son responsábeis da intensa radiación emitida por certos tipos de obxectos astronómicos, como núcleos activos de galáxias ou microquásares. O desvío da luz pola gravidade pode levar ao fenómeno de lente gravitacional, onde varias imáxenes do mesmo obxecto astronómico distante son visíbeis no ceo. A relatividade xeral tamén prevé a existencia de ondas gravitacionais, que xa foran medidas indirectamente; unha medida directa é o obxectivo dalgúns proxectos, como o LIGO. Alén diso, a relatividade xeral é a base dos actuais modelos cosmolóxicos dun universo sempre en expansión.

Continuará...

FONTE: Sarah Romero/muyinteresante.es e gl.wikipedia.org

0 comentarios