Blogia
vgomez

LENDA: ILLA COELLEIRA

Nunca oíches as campás da illa Coelleira? Pois pon atención, sobre todo nas noites sen lúa, cando o vento galga as ondas e a néboa enchoupa os montes. Contan que, unha noite escura, o rei enviou uns guerreiros para exterminar os cabaleiros da Orde do Temple e degolaron todos os cabaleiros e monxes que descansaban no cenobio da illa Coelleira.

Cando deron por rematada a matanza, escoitaron as campás da torre. Alí atoparon un raparigo louro, de ollos azuis que, axeonllándose perante eles e mirando ao ceo, clamou, desesperado: “Aquí me tedes, son o último templario da miña Orde!” e, segundos despois, foi degolado.

Durante moitos anos, nas noites tenebrosas, o tanguemento das campás estarreceu toda a bisbarra. Ata que morreu en Viveiro un nobre pertencente á familia baixo cuxa domina- ción se argallou a arrepiante matanza e, arrepentido pola súa crueldade, deixou dito no seu testamento: “Mando que se digan trinta e seis misas polo descanso das almas dos templarios que fixen matar por orde do rei en San Miguel da Coelleira”.

As almas dos templarios repousaron en paz, mais non as campás, que aínda arreguizan na escuridade das noites de lúa negra e vento.

FONTE: syngenta.es/almanaque-agricola-2022

0 comentarios