Blogia
vgomez

CANTO SABES SOBRE ÁFRICA? XVIII

Continúo coa serie na que poñemos a proba os teus coñecementos dobre África, continente de incribles paisaxes naturais e diversidade de vida salvaxe que habita as súas terras.

A contestación correcta á pregunta de onte é Nixeria. O país está localizado no oeste de África, e comparte fronteiras terrestres coa República de Benín polo oeste, o Chad e o Camerún polo leste, e Níxer polo norte. No sur está a costa, co golfo da Guinea no océano Atlántico. Nixeria é o país máis rico de África en termos de Produto Interior Bruto (PIB). É a vixésimo sexta economía máis grande do mundo. O seu PIB é maior que o de moitos dos seus pares africanos máis desenvolvidos, como a República de Sudáfrica. Pero, a pesar diso, máis da metade da poboación vive por baixo do limiar da pobreza. Dotado de abundantes recursos naturais é rico especialmente en petróleo, ten as maiores reservas do continente. En setembro de 2021, o estado producía máis de 1,4 millóns de barrís por día. Ademais, este país produce gas natural, pedra calcaria, niobio, chumbo, terra cultivable, estaño, mineral de ferro e zinc.

E imos coa pregunta de hoxe…

18. O coltán é unha mestura de dous minerais: columbita e tantalita. Da columbita extráese o niobio e da tantalita, o tántalo. Este último é un metal de alta resistencia térmica, electro-magnética e corrosiva e por tales capacidades o seu uso está moi difundido na composición de dispositivos electrónicos: teléfonos móbiles, ordenadores, GPS, consolas, MP3, MP4, reprodutores de DVD, satélites... O niobio é semellante ao tántalo, alén do potencial como hipercondutor. Ambos os metais foron e continúan sendo fundamentais para o avance tecnolóxico da comunicación portátil. En que país africano atopanse as maiores reservas desta mestura de minerais?

- Senegal

- Ruanda

- Zambia

- República Democrática do Congo

Mañá a solución e unha nova proposta!

FONTE: es.wikipedia.org e mundo-geo.es Imaxe: as.com   

0 comentarios