Blogia
vgomez

O NOVENO HÓRREO MÁIS LONGO DO MUNDO

O noveno hórreo máis longo do mundo, en A Peroxa / Apatrigal

Máis anchos, máis longos, de pedra, de madeira ou incluso pintados de cores. Están espallados por toda a xeografía do país e supoñen un indiscutible sinal de identidade da cultura galega. Algúns sorprenden ao pé do mar, como os de Combarro. Outros impactan coa súa lonxitude, como o de Araño, en Rianxo, considerado o máis longo do mundo cos seus 37 metros de longo. Hai outros que parecen interminables, como o de Lira e o de Carnota. E a esta lista de espectaculares hórreos súmase un novo: o da Peroxa, en Ourense. Foi descuberto por un veciño por casualidade durante uns traballos de campo. Non se tiña constancia e agora xa ostenta o título de noveno hórreo máis longo do mundo.

Segundo confirmaron dende a Asociación para a defensa do Patrimonio Galego (Apatrigal), que foi o colectivo que deu a coñecer a nova, a construción está situada no Pazo de Ansariz. Ao principio pensouse que podería ser máis longo que o de Ozón, en Muxía, considerado o oitavo máis longo do mundo. Porén, despois das medicións oportunas descubriuse que tiña cinco centímetros menos. Consagrouse, así, como o noveno máis grande do mundo e o sexto de Galicia cos seus 27,15 metros de longo por 1,15 metros de ancho.

Un hórreo de récord que, ata o de agora, non constaba nos rexistros oficiais. A casualidade ás veces é o mellor motor para o achado destes tesouros do patrimonio. A construción está dentro do recinto do Pazo de Ansariz, que é unha propiedade privada. A orixe da casa señorial data da segunda metade do XVII pero sufriu varias transformacións nos séculos posteriores. Ademais da capela e da torre, o maior elemento de interés é o seu longo hórreo. Ten un alto valor, ademais, porque este tipo de construcións son máis habituais das provincias da Coruña e Pontevedra que na de Ourense.

FONTE: gciencia.com

0 comentarios