PELEXA ENTRE POLBOS
As investigacións sobre o comportamento dos polbos non deixan de sorprender. Agora, un equipo australiano capta por primeira vez pelexas entre estes intelixentes cefalópodos, capaces de lanzarse cunchas e area os uns aos outros de forma deliberada. Segundo explican os autores do estudo, os polbos non guindan este material cos seus tentáculos, de igual maneira que faría un humano cos seus brazos. Primeiro recollen os seus proxectís e logo impúlsanos usando chorros de auga que expulsan por debaixo dos seus tentáculos. Os científicos capturaron imaxes deste inusual comportamento nunha especie de polbo australiano (Octopus tetricus) en Jervis Bay, na costa sur de Nova Gales do Sur. Os resultados da investigación acaban de ser publicados na revista Plos One.
Para levar a cabo o estudo, o equipo examinou 24 horas de imaxes gravadas entre 2015 e 2016 con cámaras submariñas. Froito da súa análise, os científicos atoparon 102 exemplos de 10 polbos que recollían material mariño para lanzalo: ás veces cara a un obxectivo, como podían ser outros polbos, e ás veces non. “Facer isto baixo a auga, incluso a unha distancia curta, parece especialmente inusual e bastante difícil de facer, o que o converte nun comportamento aínda máis rechamante”, di o coautor do estudo David Scheel en declaracións recollidas polo portal de noticias LiveScience.
Ademais, o seu traballo conclúe que tanto os polbos macho como as femias lanzan cunchas e area, aínda que elas foron protagonistas do 66% de ataques recollidos nas gravacións a estudo. En canto ás motivacións, os científicos indican que o 32% dos lanzamentos producíronse mentres os polbos limpaban as súas goridas. Porén, o 53% debeuse a unha interacción cun peixe, cunha das cámaras de gravación ou mesmo cun semellante. “Os polbos atacados agocháronse, levantaron os brazos en dirección ao lanzador, detivéronse ou incluso redirixiron os seus movementos”, continúa explicando o investigador.
Lanzamento de material por Octopus tetricus. A) O polbo proxecta algas e outros restos a través da auga B) Un polbo é golpeado por unha nube de material C) Sostéñense cunhas, area, algas ou unha mestura cos brazos como preparación para o lanzamento D) Báixase o sifón sobre o brazo traseiro e debaixo da rede e coroa do brazo a auga expulsa con forza / Godfrey-Smith et al./Plos One/Ilustracións de Rebecca Gelernter
De feito, os científicos atoparon diferenzas nos lanzamentos: había certa intencionalidade cando o seu tiro de material tiña un obxectivo. “Non se comportan igual cando interaccionan que cando non hai outros polbos presentes”, apunta Scheel. “Os lanzamentos que tiñan un obxectivo si mostraban un comportamento diferente, como se o polbo tratase de apuntar ben”, indica. Polo tanto, iso serviría para demostrar que o lanzamento de material cara aos seus semellantes é unha acción intencionada.
Segundo continúan explicando, os polbos son moi hábiles e capaces de manipular diferentes obxectos. Por exemplo, hai unha especie (Amphioctopus marginatus) que recolle e transporta cascas de coco para construír unha casa móbil. De feito, os polbos non son seres sociais e adoitan vivir sos, polo que ás veces pelexan ou incluso comen os seus semellantes. Porén, nas últimas décadas hai un crecente número de evidencias científicas que comeza a suxerir que as interaccións con outros polbos son máis complexas do que se pensaba. Polo tanto, este tipo de lanzamentos pode ser unha forma de comunicación entre eles que antes non estaba identificada.
FONTE: gciencia.com/tolociencia
0 comentarios