Imaxe dunha clase práctica da materia de socorrismo do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte
As persoas piden axuda e moven os brazos antes de afogar; é preciso agardar dúas horas para bañarse despois de comer; tras un afogamento hai que colocar a vítima boca abaixo para baleirar os seus pulmóns de auga; a urina é un bo remedio fronte á picadura dunha medusa… No referido aos incidentes que poidan darse en praias, ríos ou piscinas existen unha serie “mitos e falsas crenzas”, asentadas no ideario popular e que poden dar lugar a decisións ou intervencións erróneas. Coa idea de rebater estas crenzas, un artigo coordinado por investigadores dos grupos Clinursid da USC e Remoss da UVigo, Antonio Rodríguez Núñez e Roberto Barcala, identifica a través dun consenso de expertos os 10 principais mitos asociados ao medio acuático para logo ofrecer “unha perspectiva científica para a súa refutación”.
Publicado na revista Educación Médica, trátase do primeiro documento científico en castelán que aborda esta problemática elaborado “por un grupo de traballo multidisciplinar”, con experiencia en medicina de urxencias, pediátrica e forense, en enfermaría e en socorrismo. O seu obxectivo é que este documento “sirva de guía para todo tipo de públicos”, dende á poboación en xeral “aos reguladores e os profesionais sanitarios”, de tal xeito que permita “resolver preguntas habituais que poden xurdir na tempada de praia” e desbotar ideas “que están no ideario popular e que non se sustentan nunha base científica ou a que se lles atribúe está obsoleta”, explican. Para iso, realizaron un “cribado de conceptos”, partindo da revisión da literatura científica sobre este tema, chegando finalmente á identificación de dez falsas crenzas, que foron rebatidas en base aos coñecementos médicos.
As persoas afogadas non piden axuda
Varias destas crenzas céntranse na identificación, clasificación e tratamento das vítimas dun afogamento, como a propia idea de que “a persoa que afoga pide axuda”, cando realmente “recoñecer esta situación é un reto para socorristas e bañistas”, xa que “unha persoa que se afoga frecuentemente faino en silencio, non berra e non pide axuda, trata de sacar a cabeza e concentra todos os seus esforzos en respirar”, podendo desaparecer da superficie da auga nuns 90 segundos. Do mesmo xeito, os autores deste estudo rebaten tamén a idea de que, tras o afogamento, a vítima debe colocarse boca abaixo “para baleirar a auga dos pulmóns”, unhas manobras que “ademais de ser inútiles, supoñen unha perda de tempo esencial”, polo que a recomendación é aplicar o antes posible o protocolo de reanimación cardiopulmonar básica.
Neste mesmo bloque, rebátese tamén o uso de termos obsoletos como “case afogado ou o semiafogamento”, para referirse ás vítimas que sobreviven tras un incidente acuático, xa que o afogamento defínese “como un proceso polo que se experimenta unha dificultade para respirar causada pola submersión ou inmersión nun líquido”, que pode resultar ou non mortal. Tamén no referido á terminoloxía, refútase o uso de termos como “afogado seco ou branco e afogado húmido ou azul”, que se empregaban para diferenciar as vítimas nas que se atopou ou non líquido nos pulmóns, xa que “a definición de afogamento inclúe á aspiración de líquido”.
“Remedios caseiros” fronte ás picaduras
No referido á seguridade dos bañistas, o estudo fai referencia a mitos como o do corte de dixestión, xa que “non hai contraindicacións para bañarse” tras consumir alimentos. Os autores deste estudo sinalan que esta idea pode confundirse coa “hidrocución ou shock termodiferencial”, que pode acontecer cando unha persoa se mergulla “bruscamente” e existe “unha notable diferencia entre a temperatura corporal e a da auga”. Do mesmo xeito, tamén rexeitan que manguitos ou flotadores preveñan o afogamento, xa que “non garanten que a cabeza e as vías respiratorias queden fóra da auga en todo momento” e poden xerar “unha falsa sensación de seguridade” nos nenos e nenas e nos seus coidadores. Así mesmo, outra falsa crenza é a de que “para aguantar máis” durante un mergullo en apnea, debe “inspirase profundamente varias veces”, algo que, como explican, está “contraindicado, porque pode ter uns efectos fisiolóxicos que alteran os centros receptores respiratorios e provocar a perda da consciencia baixo a auga”.
Tamén no eido da seguridade, os expertos desbotan a utilidade da urina de doutos “remedios caseiros” fronte a picaduras de medusas, xa que estes “non alivian as molestias e incluso poderían aumentar a descarga de veleno”. Fronte a isto, a recomendación é “limpar os restos da medusa e lavar a zona con auga do mar”, así como solicitar asistencia sanitaria “ante calquera dificultade respiratoria, mareo ou malestar”, sinalan.
Por outra banda, o artigo pon o foco na idea “estendida a través das redes sociais” de que “a bandeira vermella non afecta a todos os bañistas”, permitindo, por exemplo, a práctica do surf, cando “as competencias sobe a regulación do baño, as sancións e as excepcións dependerán da regulación de cada municipio”, de tal xeito que, salvo “indicación explícita”, é de obrigado cumprimento para todas as persoas. Por último, a décima das falsas crenzas recollidas neste estudo é da que é o principal traballo dos socorristas “é rescatar persoas da auga”, xa que investigacións previas teñen constatado que a súa principal labor é a prevención e que as asistencias na auga só representan o 0,1% das súas accións.
Xunto a Rodríguez e Barcala, asinan este traballo Santiago Martínez-Isasi e Ignacio Muñoz, da Universidade de Santiago de Compostela; Patricia Sánchez, médica da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061; Ismael Sanch, da Universidad Autónoma de Madrid; Verónica Izquierdo, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela; e Silvia Aranda, da Universitat de Barcelona e doutoranda da USC.
FONTE: gciencia.com
0 comentarios