OS 10 AVANCES DA CIENCIA GALEGA DE 2023 (II)
Foron moitas as investigacións con selo galego que merecen revelancia este ano, algunhas delas foron portada das revistas científicas máis prestixiosas e outras tantas deron a volta ao mundo, facendo resoar nomes de científicos e científicas galegos que acadan unha gran influencia fóra de Galicia. Continúo cos dez avances da ciencia galega de 2023.
3. O ‘xogo de mesa’ máis antigo de Galicia
A comezos de ano, o equipo de Samuel Nión-Álvarez fixo un achado arqueolóxico moi particular. Nas escavacións levadas a cabo en Castro Curbín (A Coruña) atoparon o que podería ser a expresión lúdica máis antiga de Galicia. Trátase dun taboleiro de cerámica con varias fichas que as probas de carbono 14 dataron na Idade de Ferro entre os séculos IV e II a.C. O taboleiro estaba tan fragmentado que foi imposible reconstruílo, pero atoparon dúas pezas o suficientemente grandes para poder facer unha recreación. Nión-Álvarez, investigador posdoutoral da USC, suxire a posibilidade de abrir unha liña de investigación inexplorada en Galicia, posto que non se coñecen máis exemplos deste tipo de taboleiros anteriores á época romana; para iso, terán que iniciar máis escavacións no castro que deixou un achado único.
Os fragmentos do taboleiro encontrados en Castro Curbín.
4. O sistema para predicir xaquecas
A neuróloga galega Ana Gago deseñou un sistema para predicir xaquecas que ten unha taxa de éxito do 75 %. O 12 % da poboación española, sobre todo mulleres en idade fértil, sofren de xaquecas (o termo científico é migraña), unha doenza incapacitante que a día de hoxe non ten cura. O estudo da doutora en colaboración cun equipo multidisciplinar resulta prometedor. Tanto é así que a investigación foi meritoria do Premio Cefaleas que outorga a Sociedade Española de Neuroloxía.
Algúns estudos demostran que administrando o tratamento para combater a xaqueca na fase premonitoria se pode frear o inicio da dor, pero para iso é necesario atopar síntomas obxectivos que permitan detectalo sen depender da subxectividade do paciente (que pode notar un cansazo extremo ou dificultades para concentrarse varias horas antes de sufrir unha xaqueca, pero non sempre é capaz de recoñecelo como síntomas da mesma). O funcionamento do sistema de predición é sinxelo, non se precisa máis que dunha aplicación móbil e unha pulseira que permite rexistrar as variables do estudo para posteriormente ser analizadas polo equipo de Gago. Este sistema ten como obxectivo emitir unha alarma para que a paciente actúe a tempo e poida tomar o tratamento antes de que comece a dor. Deste modo, poderíase prever a crise antes de que comenzase, evitando o illamento das persoas que sofren a terrible dor da xaqueca.
A neuróloga Ana Gago, o día que recolleu o Premio Cefaleas.
Continuará...
FONTE: gciencia.com
0 comentarios