A LOITA CONTRA A HERBA DA PAMPA
A herba da Pampa (Cortaderia selloana) decora as medianeiras das autoestradas, os polígonos, os xardíns particulares e, incluso, serve de ornamento para xarróns no interior das casas. O seu uso é, por tanto, puramente estético. Porén, esta planta procedente de Sudamérica é considerada unha especie invasora con efectos moi daniños sobre os ecosistemas. Tamén en Galicia, onde ten unha elevada presenza. Para reducir o seu impacto, un equipo da Universidade da Coruña (UDC) liderado polo investigador Jaime Fagúndez está a estudar estratexias de erradicación e control da Cortaderia selloana. O seu último experimento, publicado recentemente na revista Weed Research, vén de demostrar que as cortas máis efectivas son as que se realizan na primeira quincena de xuño; mentres que as que se levan a cabo no inverno ou a comezos da primavera non serven para evitar a floración. E, polo tanto, para impedir a dispersión das súas sementes e o seu espallamento polo territorio.
“Se cortamos a planta moi pronto, a herba da Pampa é capaz de medrar, rexenerar e, finalmente, florecer despois do verán. Pero se facemos a sega no momento axeitado, que para nós é a primeira quincena de xuño, as plantas xa non florecen. É dicir, a especie destina os seus recursos a rexenerar a parte vexetativa, dando lugar a follas máis grandes pero sen producir inflorescencias”, detalla o investigador da UDC e experto en plantas exóticas invasoras. A fin de contas, as cortas periódicas van destinadas a evitar a floración e a propagación de sementes, tratando de controlar a expansión da especie máis alá dos espazos xa conquistados. De feito, Fagúndez recoñece que a presenza de Cortaderia selloana en Galicia “é preocupante” e “ten difícil solución”. Con todo, o seu equipo trata de deseñar outras estratexias, ademais da corta, que mitiguen o forte impacto da especie.
O experimento, que se levou a cabo nunha parcela preto da cidade da Coruña, tamén ofreceu outros resultados interesantes, máis alá de dar unha guía para as cortas axeitadas da herba da Pampa. Nesta especie, os individuos poden ser femininos (produtores de sementes), ou hermafroditas (xeradores de pole). As influorescencias dos primeiros, segundo explica Fagúndez, pesan “ata catro veces máis”. Por iso, e polas distintas funcións que desenvolve cada unha, o equipo da UDC cre que as cortas poden afectar de distinta maneira a uns exemplares e a outros. “É posible que as plantas femininas estean máis prexudicadas pola corta que as hermafroditas. Pode que, en función disto, deberíanse facer cortas selectivas. As hermafroditas, aínda que florezan, non dispersan a semente”, matiza o investigador da UDC.
Evitar a súa expansión é fundamental, di Fagúndez, para reducir o forte impacto que a herba da Pampa ten sobre os ecosistemas. “É unha invasora global porque provén de Sudamérica pero xa se espallou por todos os continentes do mundo, agás a Antártida”, sostén o investigador da UDC. Segundo detalla, é unha especie disruptora do ecosistema porque invade hábitats naturais de especial interese. Ademais, pode supor un problema de saúde pública polo seu carácter alergóxeno. Ao florecer a finais do verán, cando as gramíneas pasaron o seu período máis crítico para os alérxicos, provoca un segundo pico de afeccións e, polo tanto, unha maior carga sanitaria. Tamén ten impacto paisaxístico porque as súas follas puntiagudas e densas impiden o crecemento doutras especies. E, como colofón, arde moi ben: “É unha especie que vive moi asociada a vías de comunicación onde sempre hai risco de lumes accidentais”.
FONTE: Laura Filloy/gciencia.com/medioambiente
0 comentarios