Laniakea xa non basta: a nosa galaxia forma parte de 'algo' moito maior
Ata o de agora, eran os bordos de Laniakea, o noso enorme ’continente galáctico’, os que marcaban a máxima distancia á que o fluxo dos ’ríos de galáxias’ podían afectar os movementos da nosa Vía Láctea. Pero un novo mapa da rexión do Universo que nos rodea acaba de suxerir que, probablemente, a nosa galaxia forma parte dun ’barrio cósmico’ que é moito maior aínda.
Esa é a principal conclusión dun novo estudo publicado en Nature Astronomy e dirixido por investigadores do Instituto Leibniz de astrofísica en Postdam e polo Instituto de Astronomía da Universidade de Hawai. Nel, os investigadores, moitos dos cales xa participaron en 2014 no descubrimento de Laniakea, dubidan agora se Laniakea é realmente o noso supercúmulo de orixe, e mesmo se expoñen se ese ’continente galáctico’ realmente existe.
O Universo en que vivimos expándese cada vez máis rápido, o que fai que, en xeral, todos os obxectos que hai nel estéanse afastando rapidamente uns doutros. Pero á vez existen numerosas rexións moi densas, chamadas ’concas de atracción,’ nas que sucede todo o contrario. Alí, a gravidade, que tende a unir as cousas, é máis forte que a expansión, que tende a separalas, polo que todo é atraído ’cara a dentro’ pola forza gravitatoria de obxectos moi masivos, como grandes cúmulos galácticos.
As concas de atracción poden amontoarse unha dentro doutra como as soadas Matrioskas rusas. Así, a Lúa vira ao redor da Terra, que á súa vez vira ao redor do Sol xunto co resto de planetas do Sistema Solar, que á súa vez vira en espiral ao redor do buraco central da nosa galaxia.
Pero a cousa non termina aí. A seguinte ’boneca rusa’ é o Grupo Local, que inclúe a Vía Láctea, a Galaxia de Andrómeda e a Galaxia do Triángulo, xunto con varias decenas de galaxias satélite máis pequenas. E despois diso, as seguintes capas son o Cúmulo de Virgo, que contén ao redor de 2.000 galaxias, e o Supercúmulo de Virgo, aínda máis grande. A última capa coñecida era precisamente Laniakea (que significa ’ceo inmenso’ no idioma hawaiano), un supercúmulo descuberto en 2014, que contén ao redor de 100.000 galaxias e que ten aproximadamente 500 millóns de anos luz de diámetro.
No seu estudo, os investigadores analizaron os movementos relativos de máis de 56.000 galaxias para crear un mapa ’probabilístico’ en 3D de todas as concas de atracción que existen ao redor da Vía Láctea. O cal revelou que hai moitas posibilidades de que a nosa galaxia sexa parte dunha conca de atracción realmente enorme, a Concentración de Shapley, que ten un volume ata 10 veces maior que o de Laniakea. Hai tempo que os científicos xa sabían que existía a Concentración de Shapley, pero nunca pensaran que puidese afectar dalgún modo á Vía Láctea.
No novo mapa, Laniakea non sería máis que un apéndice da conca Shapley, e poida que nin sequera exista como unha entidade separada e independente. O mapa mostra numerosas concas de atracción ao longo de miles de millóns de anos luz e repartidas ao redor da concentración de Shapley, entre elas o Muro do Polo sur, o Baleiro de Boötes e o Supercúmulo Perseo-Pisces. A maior de todas elas é a Gran Muralla de Sloan, composta por centos de miles de galaxias e que ten ao redor de 1.400 millóns de anos luz de diámetro.
"Quizais -explica Noam Libeskind, coautor do estudo- non sexa tan sorprendente que canto máis nos penetramos no cosmos, máis nos damos conta de que o noso supercúmulo de orixe está máis conectado e é máis extenso do que pensabamos. Descubrir que hai moitas posibilidades de que formemos parte dunha estrutura moito máis grande é emocionante".
O novo mapa inclúe ao redor de 15 concas de atracción. Laniakea só sería un apéndice da conca de Shapley, dez veces máis grande / A. Valade et al. 2024
Polo momento, os investigadores cren que hai un 60% de posibilidades de que a Vía Láctea realmente resida na Concentración de Shapley. A incerteza débese en gran medida ás altas taxas de erro que se dan ao medir as velocidades de galaxias distantes, así como á presenza de materia escura entre galaxias, que é invisible pero que igualmente pode exercer efectos gravitacionales masivos en grandes rexións do espazo.
En palabras de Libeskind, "polo momento é só unha pista: será necesario realizar máis observacións para confirmar o tamaño real do noso supercúmulo".
Por tanto, os investigadores seguirán rastrexando e facendo mapas das estruturas máis grandes que existen, impulsados pola posibilidade de que o noso fogar no Universo forme parte dun sistema moito máis grande e interconectado do que nunca se imaxinou.
FONTE: J. M. Nieves/abc.es/ciencia
0 comentarios