Blogia
vgomez

ECLIPSE PARCIAL DE SOL: CONSELLOS

Mañá, sábado 29 de marzo, entre as 10:43 e as 12:37 horas ten moito coidado se miras cara ao ceo. É probable que te decates de que lle falta un anaco á circunferencia do Sol debido a unha eclipse parcial que acadará o seu punto máximo ás 11:39 horas e será visible dende as catro provincias galegas. Con todo, dirixir a vista cara ao astro sen ningún tipo de protección pode danar os ollos. É por iso que o Colexio Oficial de Ópticos e Optometristas de Galicia lanza cinco recomendacións para desfrutar coa maior seguridade posible do espectáculo astronómico.

En primeiro lugar, nunca debes mirar o sol directamente, aínda que leves lentes. Durante unha eclipse parcial, o astro nunca está totalmente cuberto pola lúa. Polo tanto, miralo sen a protección segura e axeitada pode danar os ollos, de igual maneira que acontecería calquera outro día no que non houbese eclipse.

En segundo lugar, non debes observar o sol con aparellos, como cámaras ou instrumentos telescópicos ou prismáticos, que non estean preparados para iso e dispoñan dos filtros solares correspondentes. Tampouco debe observarse con filtros non homologados.

Observar o sol sempre entraña riscos, pois a gran cantidade de radiación que emite a diversas lonxitudes de onda, principalmente infravermello, visible e ultravioleta, pode danar a retina de forma grave ou producir mesmo cegueira se a contemplación é prolongada, se non poñemos os recursos adecuados”, argumenta a presidenta do Colexio, Esther Amaro.

En terceiro lugar, e co obxectivo de evitar accidentes, os ópticos galegos destacan que convén observar o sol proxectando a súa imaxe sobre unha cartolina, pantalla, parede ou teito, e só en caso de dispoñer dun filtro profesional, homologado para a observación visual do sol. Lembran que os filtros caseiros están totalmente desaconsellados, tipo lentes de sol, cristais afumados, radiografías, reflexos na auga…, xa que ningún destes sistemas filtran a luz para observar de forma segura o sol e poden causar igualmente danos transitorios ou permanentes na vista.

En cuarto lugar, o axeitado é observar o sol proxección, ou ben usar un filtro homologado. Por exemplo, os popularmente coñecidos como lentes de eclipse, que reducen a luz solar nun factor superior a 30.000 veces, cun índice de opacidade 5 ou maior. O Colexio explica que deben cumprir a certificación europea correspondente, e o seu uso debe realizarse seguindo as súas instrucións, durante curtos períodos de tempo (medio minuto) seguidos de descansos de maior duración. Nunca deben utilizarse conxuntamente cuns prismáticos ou un telescopio, instrumentos que requiren os seus propios filtros colocados diante do obxectivo.

Sobre a proxección, o Colexio apunta que o método máis simple para proxectar a imaxe do sol consiste en utilizar dúas cartolinas, a unha das cales se lle practicará un pequeno buraco. Explica que unha delas debe colocarse de costas ao sol, de maneira que a luz pase polo oco e apareza na outra, situada a dúas ou tres palmos de distancia e á sombra da primeira, o que se coñece como unha cámara escura.

Outro sistema seguro e sinxelo, segundo o Colexio, consiste en proxectar sobre unha parede que estea á sombra ou sobre o teito a imaxe do sol obtida cun espello plano de man, cuberto cun papel ao que se recortou un buraco de entre 5 e 10 milímetros de diámetro.

En quinto lugar, os ollos dos nenos son máis sensibles que os dos adultos e se se lles nubra a vista ou comezan a ter molestias visuais tras observar a eclipse débese acudir a urxencias oftalmolóxicas o máis rapidamente posible. Ademais, as persoas con problemas na visión e quen consumise alcol ou drogas corren un alto risco pola dilatación das pupilas e a perda de control.

Nos próximos anos serán visibles en España dúas eclipses solares totais o 12 de agosto de 2026 e o 2 de agosto do ano seguinte, seguidos dun anular o 26 de xaneiro de 2028.

FONTE: gciencia.com      Imaxe: photopills.com/es

0 comentarios