Blogia
vgomez

Esta é a cidade coa maior taxa de mortalidade de toda España (e si, é galega)

De entre as 155 cidades españolas con máis de 50.000 habitantes, hai unha localidade galega que destaca pola súa taxa de mortalidade. Con 14,77 falecidos por cada mil habitantes, Ferrol lidera todos os rankings de España, segundo o Instituto Nacional de Estadística (INE). Ademais, a baixa proporción de nacementos desde comezos do século XXI provocou unha das perdas de poboación máis grandes do país. En apenas 25 anos, pasou de ter 81.991 habitantes a apenas 64.218, segundo o Instituto Galego de Estadística (IGE). É dicir, un 21,7% menos.

A crise económica da cidade ten unha grande influencia neste decrecemento. Entre as causas non naturais que conforman este suceso, un estudo das mortes entre 1989 e 2014 publicado no Atlas Nacional de Mortalidade en España (ANDEES) destaca con respecto ao resto de España o alto número de casos de hepatite vírica, de enfermidades da pel e do tecido subcutáneo e de septicemias. No caso dos homes, o uso de psicofármacos ou drogas de abuso provocou un alto número de envelenamentos accidentais. No caso das mulleres, destaca con respecto ao resto do país o elevado número de septicemias, pero tamén por outras causas. Entre elas, os suicidios.

A alta taxa de mortalidade queda reflectida na esperanza de vida ao nacer: Ferrol é, con diferenza, a cidade que peor dato ten entre os grandes concellos galegos. Un cidadán vivirá, de media, 81,78 anos, segundo o IGE. Este dato contrasta cos 84,02 da próxima capital coruñesa, que ten a segunda máis alta de Galicia, só por detrás de Santiago (84,25). Pontevedra, Ourense, Lugo e Vigo teñen todos unha esperanza similar, ao redor dos 83 anos e medio. En todos os casos, a esperanza de vida é moi superior en mulleres que en homes: elas viven, de media, 6,55 anos máis ca eles. Por exemplo, as coruñesas vivirían, de media, 87 anos.

Porén, estes datos poden resultar enganosos. Hai que recordar que a esperanza de vida inclúe causas de morte prematuras que baixan a media. Para ter unha referencia, unha persoa que ten 65 anos, de media, aínda vivirá 21,75 anos máis (superando os 86). No caso de aqueles que xa teñen 80 anos, as cifras son aínda superiores, e a súa esperanza de vida é de case 91 anos (90,7). Ademais, as diferenzas entre homes (89,21) e mulleres (91,73) son máis moderadas.

En comparación co resto de España, as localidades galegas teñen datos aceptables, aínda que non son os máis elevados. Xetafe, Vitoria e Zamora manteñen unha esperanza de vida de ao redor dos 84 anos e medio. Con todo, son lugares con rendas máis elevadas as que destacan neste apartado. Son exemplos disto Getxo (85,08), Sant Cugat del Vallès (85,18) e Boadilla del Monte que, cunha esperanza de vida de 86,79 anos, supera en cinco anos aos ferroláns, segundo o INE.

Os nacementos en Galicia non axudan a diminuír as taxas de mortalidade por habitante. En 2008, ano no que estalou a crise naceron nesta comunidade ata 23.175 cativos, segundo o IGE. En 2023 naceron un 65,5% menos de rapaces (14.004). As diferenzas son aínda máis grandes se comparamos estes datos con 1978, cando naceron 43.751 persoas. Porén, hai que recordar que os motivos destes cambios son diversos e non responden só a unha cuestión económica. O número de nacementos é menor, en parte, pola chegada de métodos anticonceptivos, maior liberdade para escoller que tipo de familias se queren formar e a adquisición de máis dereitos para as mulleres.

En Galicia, os nacementos concentráronse nas grandes cidades: Vigo e Coruña acumulan 2.951, unha quinta parte de todos os de Galicia. A lista continúa con Lugo, con 631, Ourense, con 585 e Pontevedra, con 480.

A provincia de Ourense é a que peores datos rexistra, pero tamén hai que ter en conta que unha gran cantidade de concellos ten poboacións moi baixas. Aínda así, se temos en conta os nacementos por habitante, a provincia de interior ten 4,40 novos cativos por cada 1.000 habitantes. É un dato moi inferior ao do resto: A Coruña (5,34), Lugo (5,26) e Pontevedra (5,23) teñen unha cifra similar de nacementos.

FONTE: Rubén Beiró/gciencia.com

0 comentarios