Arqueólogos galegos descobren o primeiro trilobite confirmado da época romana en Armea
Simulación por ordenador do trilobite de Armea engastado para o seu persoal como ornamento / DUVI
Aínda que o descubrimento remóntase ao ano 2021, non foi ata o pasado mércores, día 16, que a revista Archaeological and Anthropological Sciences publicaba o achado realizado por integrantes do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT), do primeiro trilobite confirmado da época romana. Dende hai anos, traballan no xacemento ourensán de Arema, na parroquia de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), e o fósil foi atopado nunha estancia utilizada como vertedoiro das vivendas romanas, entre miles de obxectos recuperados, sobre todo cerámicos. Alí, o equipo liderado polo docente e investigador Adolfo Fernández descubriu o que se confirma como o undécimo trilobite coñecido, localizado nun contexto arqueolóxico, procedente dun asentamento romano, que data dos séculos I-III d.C, escavado na Cibdá de Armea.
“O espécime representa o primeiro trilobite confirmado de época romana e é o terceiro do rexistro arqueolóxico mundial recollido e utilizado por humanos hai máis de 1000 anos“, explican as e os investigadores. As súas características paleontolóxicas e de conservación permiten situar a súa probable orixe no afloramento de esquisto del Ordovícico Medio no centro-sur da península ibérica, a máis de 430 quilómetros do xacemento onde se atopou.
O exemplar é membro da familia Reedocalymeninae (Colpocoryphe sp.), de entre 453–460 millón de anos e orixinario da zona centroibérica meridional do macizo ibérico. As modificacións que presenta na súa parte inferior, con ata sete signos de desgaste artificial para aplanar e dar forma ao fósil, interprétanse como indicadores do seu posible uso dentro dun colgante ou pulseira, probablemente servindo como amuleto con propiedades máxicas ou protectoras.As e os autores do artigo sinalan o interese de emperadores romanos como Augusto e Tiberio polos fósiles de gran tamaño. Ao mesmo tempo, as fontes clásicas tamén mencionan fósiles de organismos máis pequenos, como moluscos, artrópodos ou equinodermos, que os romanos coñecían e consideraban como elementos máxicos e protectores, tanto nos seus lugares de orixe, como no lugar onde se comercializaban.
“A miúdo, acababan servindo como ofrendas ou depósitos votivos en lugares relixiosos, templos ou simples lugares de veneración. Lamentablemente só se coñecen uns poucos casos de fósiles de invertebrados recuperados en contextos arqueolóxicos romanos, o que limita a nosa comprensión do fenómeno”, sinalan os autores do artigo. Ademais, confirman que “o descubrimento presentado neste traballo representa o primeiro trilobite documentado no mundo romano e referencia máis antiga coñecida a este grupo fósil, e á manipulación intencionada dun espécime de trilobite, en toda a antigüidade clásica”.
A escasa presenza de trilobites en arqueoloxía, motivada pola dificultade para desprenderse dos seus restos das duras rochas silíceas ou calcarias masivas nas que xeralmente se atopan e que fixo que pasaran desapercibidos para os coleccionistas en épocas pasadas, é unha das cuestións que confirman os investigadores no seu traballo. Ao mesmo tempo, inciden no feito de que nos dez rexistros arqueolóxico de trilobites anteriores, coma neste, se lle atribuíron funcións máxicas, protectoras ou mesmo medicinais similares ás atopadas noutros grupos de invertebrados en xacementos arqueolóxicos de diversas épocas, mitos, tradicións e farmacopeas antigas.
Escavacións na Cibdá de Armea no momento do descubrimento do trilobite / DUVI
“O feito de que non existan fósiles deste tipo na zona e nas rexións próximas compostas por rochas ígneas ou con forte metamorfose, respalda a existencia dun comercio insospeitado destas pezas dentro da península ibérica, que se desprazaba de sur a norte ao longo de centos de quilómetros”, sinalan os autores do artigo. Tamén destacan o valor como “obxectos sagrados con forte calidades protectoras” que os romanos outorgaban a estes animais ancestrais. “Neste sentido, o aspecto torácico dos trilobites podería inspirar toda unha serie de obxectos protectores e curativos, como as ‘doas de trilobites’ de acibeche, utilizadas principalmente como elementos de protección por mulleres e nenos”, detallan o equipo arqueolóxico. Afirman que o estudo confirmou a recolección e uso do fósil na época romana, posiblemente engastado nun brazalete ou como colgante de banda nun colar e datado o seu abandono entre os séculos I e III d.C. Con todo, a finalidade exacta do seu uso segue a ser obxecto de especulación.
“Non obstante, é plausible considerar que o trilobite de Armea puidera ser percibido como posuidor de poderes máxicos e protectores para o seu portador, como ocorre con fósiles ou mesmo trilobites noutros contextos arqueolóxicos coñecidos”, explican as e os autores do traballo. Na súa consideración final refiren unha coincidencia histórica “simple pero paradoxal”, aseguran. “O trilobite de Armea foi atopado no nivel arqueolóxico xunto a unha moeda de bronce de Augusto, quen, segundo o historiador romano Suetonio, era un coleccionista de fósiles e fundou o primeiro museo paleontolóxico coñecido”, conclúen.
FONTE: gciencia.com
0 comentarios