Blogia
vgomez

A primeira astrónoma galega, Antonia Ferrín Moreiras, dá nome a un asteroide

Antonia Ferrín Moreiras, no Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ da USC / Arquivo familia Ferrín Moreiras

A Unión Astronómica Internacional (UAI) vén de nomear un asteroide co nome (14005) Ferrinmoreiras na honra da científica galega Antonia Ferrín Moreiras, pioneira da disciplina en España. Foi a primeira muller en formar parte do cadro de profesores da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago (USC), a primeira en realizar investigacións no compostelán Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ e a primeira doutora en astronomía de España.

Este último aspecto da biografía da astrónoma ourensá (Ourense, 1914) é o que destaca o grupo de traballo WG Small Bodies Nomenclature na publicación da nova nomenclatura do asteroide no seu boletín do 1 de setembro de 2025, que lembra que a científica traballou no observatorio da USC e deu clases na Universidade Central de Madrid.

O asteroide que xa leva o seu nome foi descuberto polo Dr. Orlando Naranjo no Observatorio do Llano del Hato (Mérida, Venezuela) en 1993.Tal e como explica a profesora da USC Josefina Ling no artigo La primera astrónoma gallega en Ciencia en historias, Antonia Ferrín matriculouse na Facultade de Ciencias da Universidade compostelá, onde daquela só se impartía a carreira de Química. Licenciouse no ano 1934, compaxinando o seu labor como profesora axudante de prácticas na facultade co de axudante interina da sección de ciencias do Instituto de Santiago ata 1936. Paralelamente estudaba a carreira de Farmacia e os dous únicos cursos de Ciencias Exactas que se impartían na USC.

Coa Guerra Civil, en 1937 foi sancionada por motivos políticos e inhabilitada ata o ano 1940. Foi nesa década cando coñeceu a Ramón María Aller, fundador do Observatorio Astronómico da USC, co que investigou durante varias décadas.

En 1950 licenciouse en Ciencias exactas na Universidade Central de Madrid e pouco despois gañou unha praza de catedrática de Matemáticas na Escola Normal de Maxisterio de Santander. Xa en 1957, ao crearse a sección de Matemáticas da Facultade de Ciencias na USC, Antonia converteuse na súa primeira docente muller; e é en 1963 cando pasa a ser a primeira doutora en Astronomía en España coa tese Observaciones de pasos por dos verticales.

Ferrín rematou a súa carreira profesional en Madrid, exercendo como profesora adxunta na Facultade de Matemáticas da Complutense e como catedrática de Matemáticas na Escola de Maxisterio Santa María de Madrid. Faleceu en 2009 á idade de 95 anos. En recoñecemento á súa traxectoria, Antonia Ferrín foi a primeira muller á que se lle dedicou unha aula na Facultade compostelá, na que a científica ourensá foi madriña da celebración dos 50 anos da licenciatura.

FONTE: gciencia.com

0 comentarios