O vídeo que amosa os efectos da vertedura de aceite de palma nas praias da ría de Vigo
Case unha semana despois, séguense a notar os efectos da vertedura de aceite de palma producida no peirao de Guixar o pasado xoves 30 de outubro. Os restos de aceite solidificado chegaron á outra beira da ría, a lugares como Moaña, dende O Con ata Domaio.
Dende a Autoridade Portuaria de Vigo aseguran que “o dispositivo de limpeza logrou recoller o 90% da vertedura das zonas afectadas” e que “a limpeza das praias está practicamente finalizada“. Porén, uns vídeos obtidos durante o sábado e o domingo no Morrazo amosan unha realidade ben diferente.
Nas imaxes vese maquinaria retirando toneladas de area contaminada en diferentes areais. Obsérvanse tamén grandes bloques de aceite solidificado, mesmo con mexillóns adheridos a esa mestura amarela e pastosa na que se converteu o líquido derramado desde o silo.
A Autoridade Portuaria de Vigo descoñece a cantidade de area que se está a extraer das praias a raíz da vertedura, pero sostén que o tratamento está en mans dun xestor autorizado. O labor de limpeza dos areais lévaa a cabo Tragsa, quen tampouco ofreceu datos.
Os efectos da vertedura non quedarán nos areais. O profesor de investigación do Centro Superior de Investigacións Científicas no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), Antonio Figueras, advirte que o suposto carácter “inocuo” do aceite de palma, como definen as autoridades, “non se sostén nin científica nin loxicamente”.
A presenza deste aceite vexetal no mar representa un risco físico para o ecosistema mariño. Este composto tende a solidificarse, como se aprecia nas imaxes captadas, formando unha capa que bloquea a luz solar. Ese efecto impide a fotosíntese do fitoplancto, base na cadea alimentaria mariña, provoca asfixia nos organismos filtradores e pode obstruír o sistema dixestivo dos animais que o inxiren.
As consecuencias sobre fauna e flora mariñas poderían afectar tamén á industria mexilloeira. As preto de 500 bateas da ría de Vigo, que producen máis de 15.000 toneladas anuais e sosteñen milleiros de empregos, corren o risco de verse afectadas pola contaminación. “Os mexillóns filtran ata vinte e cinco litros de auga ao día e acumulan contaminantes con concentracións centos de veces superiores ás da contorna”, explica Figueras.
O investigador indica unha serie de medidas preventivas para mitigar os posibles efectos secundarios da vertedura, xa visible nas praias. Entre elas, destaca o peche temporal das zonas de marisqueo e un seguimento continuado durante varios meses da evolución ambiental, pois a solución non pode limitarse á limpeza superficial.
“A ría de Vigo, a súa biodiversidade e a súa industria do mexillón merecen algo mellor que unha campaña de tranquilidade. A calma só ten sentido cando se basea en datos, non en suposicións”, conclúe o biólogo Antonio Figueras.
FONTE: Andrea Veiga/gciencia.com.com
0 comentarios