Blogia
vgomez

DETECTOR DE BULOS AMBIENTAIS

Os bulos e noticias falsas sobre cambio climático e medio ambiente corren polas redes sociais, plataformas de mensaxería e páxinas web. Baixo o título Detector de bulos ambientais, o xornal El País rastrexa esta desinformación para desmentir e aclarar algunhas das mentiras máis reproducidas e que rexorden en moitas ocasións. 

Vexamos...

1. Non, os biocombustibles non son a mellor solución para o transporte

Algunhas petroleiras anuncian nas súas gasolineiras “combustibles 100% renovables” como unha solución case máxica para descarbonizar o transporte por estrada, mentres certos sectores consideran que estes biocombustibles son a mellor solución fronte ao cambio climático. ECODES elaborou unha guía para desmontar estes e outros mitos que poden retardar a electrificación de coches, autobuses e camións, a forma máis rápida de reducir o CO₂ na mobilidade. Os biocombustibles son carburantes derivados de materia orgánica. Os de primeira xeración, como o biodiésel, obtéñense a través de cultivos como a palma ou a soia; os de segunda, de residuos orgánicos; os de terceira, moi incipientes, de algas. Segundo a entidade ecoloxista, é certo que reducen as emisións, pero non tanto como se adoita promocionar, ata un 90%: “A redución de emisións atribuída aos biocombustibles non é xeneralizable e depende de múltiples factores, como a materia prima usada e a súa procedencia xeográfica”; é dicir, os cálculos actuais subestiman a pegada de carbono real.

Tampouco poden considerarse 100% renovables. “Iso supón ignorar unha parte importante do ciclo de vida dos biocombustibles e a capacidade real de abastecemento. Non hai en Europa materia prima suficiente para satisfacer a demanda. A maioría do aceite de cociña que se usa está importado desde o sueste asiático e hai sospeitas de que se usa aceite de palma en lugar de aceite de cociña usado”.  De feito, outro mito apunta que este tipo de carburantes reforzan a independencia enerxética de España. Fronte a iso, a ONG contrapón que o 80% das materias primas para biocombustibles impórtanse, que a dispoñibilidade de materias primas é limitada e que os biocombustibles producidos a partir de cultivos xeran competencia polo uso das terras e afectan á seguridade alimentaria. En cambio, a enerxía que usan os vehículos eléctricos non provoca estes efectos, e ademais en España procede cada vez máis das renovables, que non deixan de crecer (en 2024 chegaron ao 57% do mix enerxético).

Ademais, a combustión dos vehículos con biocombustibles segue xerando contaminantes atmosféricos con efectos negativos para a saúde humana. “O hidrobiodiésel que se vende nas gasolineiras está mesturado con diesel fósil, o que reduce a súa achega real á descarbonización e alimenta falsas percepcións sobre a súa sustentabilidade”. Por iso, Ecodes sinala que distan moito de ser a mellor solución para descarbonizar o transporte por estrada: “Os vehículos 100% eléctricos que usan enerxías renovables emiten moito menos CO₂ que os que usan biocombustibles”.

Continuará...

FONTE: Miguel Ángel Medina/elpais.com/medio ambiente

0 comentarios