Blogia
vgomez

A imparable expansión da covid das plantas: así se propagou ‘Xylella’ no norte de Portugal

Á esquerda, un oliveiral afectado por Xylella fastidiosa. Á dereita, o mapa de Portugal cos concellos demarcados en cor azul

Unha planta de lavanda francesa (Lavandula dentata) que medraba nos arredores de Vila Nova de Gaia foi o sinal de alarma: a perigosa bacteria Xylella fastidiosa xa estaba en Portugal. Así o revelaron uns traballos de prospección realizados na zona en 2019. Dende aquela, o patóxeno continúa a súa imparable expansión polo país veciño. Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Alimentación e Veterinaria (DGAV) do goberno portugués xa existen 22 zonas demarcadas. É dicir, aquelas nas que se detectou a infección e nas que se están a tomar medidas para impedir a súa progresión. Non obstante, algúns focos xa están a tan só 50 quilómetros da fronteira con Galicia, como acontece co concello de Mirandela.

A zona cero de Xylella fastidiosa en Portugal é a área metropolitana de Porto. Actualmente hai 15 municipios dentro da demarcación, constituída por unha área de infección de 50 metros arredor dos vexetais afectados; e por unha zona de contención de 2,5 quilómetros de radio. O obxectivo é claro: frear a perigosa bacteria dos vexetais. Non obstante, en tan só esta área, notificáronse 81 xéneros e especies vulnerables á praga. Entre eles a lavanda francesa, o sabugueiro (Sambucus nigra), o castiñeiro (Castanea sativa), a herba da Pampa (Cortaderia selloana) e varios tipos de acacias.

A zona de Porto é a máis grande das 21 restantes, que se concentran no norte e no centro de Portugal. E malia que agora está en fase de contención, Xylella fastidiosa non entende de fronteiras nin de límites xeográficos. A súa orixe está en América e transmítese de forma natural entre insectos vectores que se alimentan do xilema, o tecido que transporta auga e sales minerais dende a raíz ata as follas. O seu voo é limitado, polo que a viaxe da bacteria a longas distancias atribúese ao comercio con plantas infectadas. Isto non deixa de ser unha consecuencia directa da globalización, tal e como aconteceu, de forma semellante, coa pandemia de SARS-CoV-2 que estoupou en 2020.

As similitudes entre unha e outra son maiores das que parecen. Aínda que nun caso se fale de bacteria e noutro de virus, un dos trazos característicos de ambos é o elevado número de “pacientes” asintomáticos. Unha das grandes dificultades á hora de detectar a bacteria é que non revela signos de enfermidade en moitas das especies que pode afectar, que chegan ás 595. Unha mostra disto é un estudo publicado por un equipo da Universidade de Trás-os-Montes e o Alto Douro na revista Microbiology Research en 2024. Nel analizaron 15.345 mostras, sobre todo na área de Porto, e máis do 90% non presentaban síntomas.

O traballo analiza a expansión de Xylella fastidiosa en Portugal dende 2019 ata xuño de 2023. Polo tanto, as zonas demarcadas indicadas no estudo xa cambiaron. Agora hai catro máis, como indican os informes da DGAV en 2025. Incluso se eliminaron dúas nas que si se conseguiu erradicar a bacteria. Son as de Palmela e Tavira —zona de Lisboa e Val do Texo, respectivamente— nas que se considerou que os positivos foron casos illados, dado que non se detectou dispersión pola zona. Non obstante, o número total de zonas demarcadas continúa aumentando, sobre todo cara ao norte e cada vez máis preto de Galicia.

A erradicación de Xylella fastidiosa é moi complexa. En Baleares, onde chegou en 2016, xa o deron por imposible e agora só tratan de conter a infección e evitar que pase á única illa libre do arquipélago: Formentera. En atención ao caso portugués, tal e como recolle o estudo, as medidas para frear a bacteria son a prohibición de plantar especies susceptibles, realizar un control dos vectores mediante a eliminación de vexetación, aplicar tratamentos químicos, arrincar árbores infectadas e restrinxir o transporte de plantas dende as áreas infectadas. A este respecto, é interesante botarlle un ollo aos datos do estudo. Os lugares nos que se obtiveron máis positivos por Xylella fastidiosa foron xardíns públicos (42,7%) e viveiros (37,1%).

Controlar o comercio de plantas nas zonas fronteirizas non é unha tarefa sinxela. E así o recoñecía a profesora da área de Produción Vexetal da Universidade de Santiago (USC) Cristina Cabaleiro nunha peza publicada recentemente en GCiencia. “Ao non haber fronteiras non hai control”, indicaba, ao facer alusión á dificultade de vixiar lugares con límites tan diluídos como a Raia. De feito, o doutorando Fernando Lago facía alusión na mesma noticia ao caso de Estremadura, onde chegou a Xylella fastidiosa pola “continuidade forestal” con Portugal. E as súas opinións van na liña do que recolle o estudo portugués: “Existe un risco real de que Xylella fastidiosa poida seguir traspasando barreiras xeográficas e potencialmente desencadear gromos importantes de enfermidades”.

Galicia, por tanto, non está exenta de risco e debe mirar a Portugal como se fose un espello do que pode acontecer. A bacteria é capaz de causar enfermidade grave en árbores de grande importancia económica como a oliveira, a vide, as froiteiras de óso, as plantas ornamentais e os cítricos. Segundo o criterio de Lago e Cabaleiro, o que máis preocuparía en Galicia serían precisamente as vides, sobre todo a zona das denominacións das Rías Baixas e do Ribeiro, onde hai unha continuación de plantacións. De feito, un estudo citado pola investigación portuguesa alerta do “risco moderado a moi grave” da enfermidade de Pierce, causada pola Xylella fastidiosa, e numerosas zonas de Europa, incluído o norte de España.

A vide é unha máis das plantas que se poden ver afectadas, pero que adoitan mostrar síntomas da infección. Nas zonas de Mirandela e Mirandela II, as máis próximas a Galicia, detectouse a bacteria en mostras de oliveira (Olea europaea) e a rosa de Siria (Hibiscus syriacus), unha especie ornamental. Non obstante, queda moito por investigar e por descubrir do comportamento dunha bacteria cunha extraordinaria capacidade de propagación. “Non hai ningún outro patóxeno que afecte todos os cultivos mediterráneos importantes”, sostén Cabaleiro. Haberá que atender a súa evolución en Portugal, analizar as zonas atlánticas e esperar con esperanza que non cruce a Raia.

FONTE: Laura Filloy/gciencia.com

0 comentarios