Blogia
vgomez

Dez científicas galegas que deberías coñecer (II)

Continúo coa serie adicada as científicas galegas que foron innovadoras e pioneiras, co gallo da celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, celebrado o pasado día 11. 

Celia Brañas Fernández

Celia Brañas Fernández (A Coruña, 1880—A Coruña, 1948) foi unha firme defensora do acceso das mulleres á educación e, sobre todo, da súa incorporación á cultura científica. Realizou un curso preparatorio de Ciencias na USC e en 1908 comezou a desempeñar o seu labor docente na Escola Normal da Coruña. En 1911 aprobou a oposición e incorporouse como profesora numeraria de Ciencias, en concreto dedicouse á docencia de Física, Química e Historia Natural. Defendeu o ensino activo e o carácter práctico da educación, e apostou sobre todo pola demostración experimental. Son coñecidas as súas actividades prácticas con obxectos cotiás e a súa forma de ensinar ciencia con materiais accesibles. En 1919 defendeu publicamente a existencia dunha estación de bioloxía mariña na Coruña.

María Teresa Fernández Rodríguez

María Teresa Fernández Rodríguez (Chantada, 1913—Chantada, 1973) estudou Farmacia na USC e converteuse na primeira profesora de dita facultade tras rematar os seus estudos en 1933. Foi unha alumna brillante que salientou, especialmente, en Análise Química, un eido no que centrou a súa tese de doutoramento. Malia que foi docente na facultade de Farmacia, unha pioneira xunto a Celsa Pérez Moreiras, non obtiñan unha retribución por ese cargo, dado que dependía directamente dos orzamentos da facultade. Cando estoupou a Guerra Civil regresou a Chantada sen rematar o doutoramento e alí desenvolveu o resto da súa vida laboral. Tamén exerceu como inspectora farmacéutica no seu concello natal.

Rita Fernández Queimadelos

Rita Fernández Queimadelos (A Cañiza, 1911—Barcelona, 2008) cursou Ciencias Químicas e Exactas na USC, ata que decidiu cambiar e centrarse en arquitectura. O seu pai non estaba de acordo, mais Rita contou co inestimable apoio das súas avoas maternas, que fixeron realidade o seu desexo. Trasladouse a Madrid e ingresou na Residencia de Señoritas. Realizou catro cursos pero o estalido da Guerra Civil interrompeu a súa vida académica, polo que non finalizou os seus estudos ata 1940. Converteuse, así, na terceira muller en obter o título de Arquitectura en España. Parou a súa carreira tras dar a luz á súa terceira filla, pero retomou a súa actividade profesional oito anos despois. Exerceu libremente a súa profesión ata o seu traslado a Barcelona, onde faleceu.

Continuará...

FONTE: gciencia.com   Imaxes: gciencia.com e consellodacultura.gal

0 comentarios