Baltasar Merino: O pioneiro da meteoroloxía galega que estudou as borrascas para evitar naufraxios
Baltasar Merino e o seu escrito sobre as borrascas da costa occidental de Galicia
O 27 de febreiro de 1892, un forte temporal costeiro segou a vida de 105 mariñeiros na vila portuguesa de Póvoa de Varzim, na actual área metropolitana de Porto. O suceso consternou a sociedade da época. A uns 90 quilómetros de distancia, na vila galega da Guarda, o sacerdote xesuíta Baltasar Merino quedou impresionado coa traxedia. Estaba á fronte do Colexio de Camposancos, onde chegara en 1880. Ademais de profesor, desenvolvía interesantes investigacións en botánica e meteoroloxía. Pero aquel naufraxio catastrófico foi, para el, un punto de inflexión. Comezou a estudar as borrascas da costa atlántica de Galicia dende o observatorio do colexio e, de aí, naceu unha publicación pioneira na meteoroloxía do país. O obxectivo: salvar vidas.
Merino levaba dende 1887 á fronte do observatorio instalado no centro, onde recompilaba datos meteorolóxicos que aínda son de utilidade hoxe. En 1893, tras a traxedia de Póvoa de Varzim, publica Estudo sobre as borrascas na costa occidental de Galicia. Non só foi unha obra pioneira, senón de servizo público. O seu obxectivo era axudar os patróns de barco a predicir os temporais marítimos e, así, evitar naufraxios e accidentes no mar. Para conseguilo, propuxo nun artigo publicado no xornal La Integridad que os patróns dos barcos levasen con eles uns pequenos barómetros que permitisen medir a presión atmosférica para previr as borrascas e evitalas a tempo. A súa proposta pública recibiu as loas do director do Observatorio Meteorolóxico de Lisboa.
“En vista, pois, das indiscutibles vantaxes que pode proporcionar e do seu insignificante custo, de esperar é que os que se confían case diariamente ás ondas e aos ventos se fagan con tan precioso aparello”, deixou por escrito Merino. Grazas aos seus estudos no observatorio astronómico de Camposancos, o xesuíta deuse conta de que cando baixaba a presión atmosférica adoitaba vir unha borrasca. Segunda explica o doutor en Física e investigador da Universidade de Vigo (UVigo) Juan Antonio Añel, o barómetro aneroide, empregado para medir a presión atmosférica, inventárase había 40 anos. Porén, o modelo da época estaba formado por barras de mercurio foi grandes. “Merino tratou de que os barcos levasen uns barómetros máis pequenos”, sinala.O traballo do xesuíta no observatorio da Guarda é, hoxe, dun valor inestimable. Aínda que foi a cuarta estación do seu tipo que se creou en Galicia (primeiro foron as de Ferrol, Vigo e Santiago), o de Merino converteuse nun verdadeiro referente a finais do século XIX pola calidade dos seus datos. Tiña forma hexagonal, semellante ao actual observatorio Ramón María Aller da Universidade de Santiago, e dende alí realizaba medicións de temperatura, humidade e precipitación. Aínda que a estación se fundou en 1880, Merino dirixiuna dende 1887 ata 1905, enviaba os datos ao Real Observatorio de Madrid e despois publicábaos. De feito, sacaba anualmente cadernos resumo: o primeiro en 1881 e o segundo en 1896. Os datos saían tamén no xornal La Integridad, onde continuaron aparecendo ata 1918, un ano despois do seu falecemento.
No eido da meteoroloxía, Merino é todo un referente. Ademais da súa obra sobre as borrascas da costa occidental de Galicia e a súa recomendación de levar barómetros nos barcos para evitar naufraxios, legou outros coñecementos e obras de grande importancia. Tamén foi un dos promotores da creación da rede de estacións pluviométricas de España. Ademais de observar variables como a temperatura e as precipitacións, medía os niveis de ozono, a temperatura baixo o solo e analizaba clinicamente a auga que procedía da chuvia. Con todo, este último traballo non puido rematalo. En canto ao estudo do ozono, Añel destaca a figura de Merino: “Non era algo relevante para a meteoroloxía da época. Descubriuse en torno ao ano 1820 e el xa o medía en 1860 cun aparello que mercou. Moito máis rápido, por exemplo, que no Observatorio de París, que era unha gran referencia”.
Anotacións de Merino do seu observatorio meteorolóxicoMerino é, por tanto, o primeiro en realizar traballos de climatoloxía aplicada en Galicia. De feito, xa antes de sacar o libro sobre borrascas en 1893 publicara dous anos antes O clima do Baixo Miño. Esta obra describe 140 especies vexetais que actúan como indicadoras do clima da zona e, para iso, empregaba a chamada “integral térmica”. Con ela podía definir como o millo e a vide se ían adaptando ás condicións climáticas. Amais deste, en 1897 publica outro: A vexetación espontánea e a temperatura na conca do Miño. De novo, relacionaba o clima da zona coas especies da zona, e chegou a describir 750. Os datos que recolleu Merino dende A Guarda, sinala Añel, son de moita importancia porque, ademais, obtivéronse nun lugar “pouco contaminado e moi preto do océano”.
A figura de Merino é esencial para a ciencia galega e a súa historia, e por iso se lle dedicou o Día da Ciencia en Galicia en 2017. Malia a súa faceta de meteorólogo, destacou especialmente no eido da botánica. Fixo unha obra colosal, á que titulou Flora de Galicia, que se publicou en tres volumes entre 1905 e 1909. O sacerdote viaxou por toda a xeografía galega, dende O Courel ata as illas Cíes, para crear a maior recompilación posible de plantas. E grazas a este traballo encomiable creou un inmenso herbario do que se conservan máis de 16.000 follas.
Portada de Flora descriptiva é ilustrada de Galicia.
Malia que a súa vida estivo intimamente ligada a Galicia e os seus restos descansan en Vigo, non era galego de nacemento. Veu ao mundo na localidade burgalesa de Lerma en 1845, e non chegou á Guarda ata os seus 35 anos. Antes diso viaxou polo mundo. Primeiro formouse en Filosofía, Humanidades e Retórica e con 22 anos foi destinado a Cuba, onde foi profesor durante tres anos. Tras o seu paso polo Caribe marchou a Estados Unidos, a Woodstock, preto de Baltimore. Alí estudou Teoloxía durante cinco anos. Volveu brevemente a Europa, á localidade francesa de Larbey para completar a súa formación relixiosa, pero marcha de novo pouco despois.
O seu novo destino foi San Juan de Puerto Rico, onde estivo catro anos como profesor. Por mor dos seus problemas de saúde volve a España, está un ano en Sevilla e en 1880 recala na Guarda. Alí, en diversas etapas, impartiu Latín, Grego, Agricultura, Física e Química e Historia Natural. E entre os anos 1900 e 1910 foi abandonando progresivamente a súa faceta como profesor para centrarse cada vez máis na investigación. En 1916 o Colexio de Camposancos trasládase a Vigo, onde falece un ano despois con 72 anos. Descansa na cidade olívica e na súa terra de adopción, á que deixou un legado científico inestimable.
FONTE: Victoria García/gciencia.com
0 comentarios