O mosquito tigre chega ao norte de Galicia, co seu avistamento na cidade da Coruña
O mosquito tigre pode transmitir enfermidades como a causada polo virus do Nilo Occidental
O mosquito tigre (Aedes albopictus) chegou ao concello da Coruña, o que o converte no primeiro municipio do norte de Galicia en rexistrar a presenza deste insecto, segundo informa a Xunta. A Coruña súmase así a Moaña, Vigo, Cangas, Redondela, Vilaboa, O Porriño, Tui, Mos, Bueu, Ponteareas, Poio e Salvaterra de Miño, todos eles na provincia de Pontevedra.
O Goberno galego informa de que continúa reforzando a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), da que neste ano forman parte 31 municipios, co obxectivo de identificar os principais organismos transmisores de enfermidades. Dos 64 municipios invitados a participar na rede durante o 2026, confirmaron a súa adhesión os seguintes: A Coruña, Betanzos, Carballo, Noia, Ordes, Santiago de Compostela, Vimianzo, Monforte de Lemos, Baiona, Bueu, A Guarda, Moaña, Mos, As Neves, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Pontevedra, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Recentemente sumáronse os de Allariz, O Carballiño, Castrelo de Miño, Ourense e Rairiz de Veiga.
Na actualidade, en Galicia están presentes especies de mosquitos capaces de transmitir enfermidades como a causada polo virus do Nilo Occidental (mosquitos do xénero Culex) ou o dengue, chikungunya e zika (mosquito tigre, Aedes albopictus). Aínda que estas especies de mosquitos non están a transmitir estas enfermidades na comunidade por non estar infectados polos microorganismos causantes, a súa vixilancia resulta fundamental para detectar de forma temperá calquera cambio na situación epidemiolóxica.
Co obxectivo de avaliar a evolución da situación e coordinar as actuacións de seguimento e control, o próximo 9 de xullo reunirase o Comité Interdepartamental do Mosquito Tigre, no que participan os concellos con presenza confirmada deste vector, as áreas sanitarias implicadas e representantes dos distintos organismos colaboradores.
FONTE: lavozdegalicia.es
0 comentarios