Blogia
vgomez

COMUNICADOS

CHEGA O INVERNO 2024-2025

Hoxe, 21 de decembro, ás 12:15 horas comeza o inverno, mentres que no hemisferio sur comeza o verán. Durará ata o 20 de marzo 2025, momento no que comezara a primavera.

Tempo de frío, chuvias e ventos. Abrigarse!

Imaxe: metsul.com

CHEGA O HORARIO DE INVERNO

Entra o horario de inverno / rtve.es

Como cada ano, chega o cambio ao horario de inverno, que se producirá hoxe, durante a madrugada do sabado 26 ao domingo 27 de outubro. Ás tres da madrugada volverán ser as dúas.

Este cambio de hora implica varios factores. A consecuencia máis simple e que máis pronto se ve é que a noite do sábado 26 durará unha hora máis. Ben sexa para durmir, saír de festa ou traballar, ás tres da madrugada volverán ser as dúas.

Outro dos cambios que implica adoptar o horario de inverno é que, de novo, amencerá máis pronto. Durante as últimas semanas o Sol foi saíndo cada vez máis tarde, polo que moitas persoas levantábanse a traballar de noite. Con todo, co cambio de hora gañaremos horas de luz pola mañá, aínda que só durante un tempo.

E é só durante un tempo porque, en pleno outono e camiño do inverno, os días son menguantes. Isto quere dicir que cada vez, ata o 24 de decembro, haberá menos horas de luz. O cambio de horario e este factor notaranse sobre todo polas tardes, xa que pasará de anoitecer sobre as 19:30 horas a facelo en decembro ás 17:30 horas.

Cando se acabara esta historia!

CHEGOU O COMETA C/2023 TSUCHISHAN-ATLAS

Traxectoria do cometa C/2023 A3 / BBC Sky at Night

O cometa C/2023 A3 Tsuchinshan Atlas é visible novamente desde a Terra! Si! E é unha oportunidade incrible, xa que a última vez que iste cometa pasou pola Terra, os humanos estaban a piques de abandonar África; hai uns 80.000 anos.

C/2023 A3 (Tsuchinshan-ATLAS) dirixiuseagora a toda velocidade cara ao seu encontro máis próximo co Sol, o 27 de setembro, a unha distancia de 58,6 millóns de quilómetros.

O pasado domingo 29 de setembro e o luns 30 de setembro, C/2023 A3 uníuse a unha delicada lúa minguante, sendo visible pola mañá antes do amencer, mirando ao leste. A partir do pasado 9 de outubro, o brillante cometa será visible á tardiña, mirando ao oeste.

Pero a súa aproximación máis próxima ao noso planeta é o 12 outubro, polo que, do mesmo xeito que coas choivas de meteoros, os días anteriores ou posteriores ao 12 de outubro serán os momentos ideais para buscalo no ceo.

Se por algunha cirscunstancia, como mal tempo, sempre tes a posibilidade de seguilo no Telescopio Virtual, premendo AQUÍ.

Sorte no avistamento!

FONTE: muyinteresante.com e virtualtelescope.eu 

CHEGA O OUTONO 2024

Outono / Banco de imaxes Canva/eltiempo.es

O outono de 2024 no Hemisferio Norte comezará, hoxe, 22 de setembro ás 14:44 horas (hora oficial peninsular). Esta estación durará 89 días e 21 horas, concluíndo o 21 de decembro coa chegada do inverno.

No Hemisferio Sur, o cambio de estación producirase o mesmo 22 de setembro, pero marcará o inicio da primavera. O outono nesta rexión comezará aproximadamente o 20 ou 21 de marzo de 2025.

As datas de inicio do outono non son fixas. Poden variar cada ano. Este fenómeno ocorre debido á inclinación axial e a órbita elíptica da Terra.

O equinoccio de outono prodúcese cando o día e a noite teñen a mesma duración. Con todo, isto non ocorre no mesmo momento exacto cada ano.

No Hemisferio Norte, o outono pode comezar entre o 22 e o 24 de setembro. No Hemisferio Sur, entre o 20 e o 23 de marzo. Durante o século XXI, as datas máis comúns para o inicio do outono serán o 22 ou 23 de setembro.

É o que toca!

MAREAS VIVAS EQUINOCCIAIS: SETEMBRO 2024

Na madrugada do 17 ao 18 de setemebro terá lugar a segunda superlúa do ano / Luis Gandarillas/elcorreogallego.es

Atendede ben porque isto non ocorre todos os días. En concreto, pasa cada 19 anos. E é que esta mesma semana prodúcese a aliñación astronómica adecuada para que as mareas vivas alcancen o seu máximo. Por sorte, teremos desde onte mércores 18 ata o vindeiro venres 27 de setembro un espectáculo natural que permitirá ver, en case toda a costa galega, como as mareas alcanzan alturas por encima dos catro metros. É unha oportunidade única para observar este fenómeno tan espectacular.

As mareas en setembro xa se adoitan coñecer pola súa distinción con respecto ás do resto do ano. Chámallas mareas equinocciais e débese, xustamente, a que se producen ao redor do equinoccio de setembro (domingo, día 22), ese momento no que cambiamos de estación e pasamos ao outono. Pero vaiamos por partes para entender mellor este fenómeno. Durante o equinoccio (tanto o de marzo como o de setembro) o Sol está directamente sobre o ecuador da Terra, coincidindo coa posición da Lúa. Cando o equinoccio prodúcese, o día e a noite en ambos os hemisferios do planeta teñen exactamente a mesma duración, o que é un evento astronómico notable.

Pero, que teñen que ver aquí as mareas? Pois ben, as mareas veñen determinadas pola atracción gravitacional da Lúa. Neste momento do ano, durante o equinoccio, a Lúa, o Sol e a Terra están aliñados de maneira que a influencia gravitacional da Lúa, que sempre afecta as mareas, súmase á forza de atracción que tamén exerce o Sol. Esta aliñación produce mareas equinocciais especialmente intensas. Por iso, en setembro repítense cada ano unhas mareas vivas moi fortes. Pero este ano a particularidade reside en que as mareas equinocciais coinciden coa superlúa chea de setembro (Lúa da colleita), o que fai que sexan aínda máis vivas e notables, atopandose hoxe a 357,486 km da Terra.

Deste xeito, todo vai extremar: a pleamar será ata medio metro máis alta que noutros setembros, mentres que a baixamar será excepcionalmente baixa. De feito, probablemente varias praias desaparezan coa pleamar. Polo que, se con este tempo (que aínda acompaña) alguén decide achegarse a unha praia habitualmente estreita, debe saber que igual non atopará area nalgúns momentos do día.

No caso de A Guarda, aquí tes o cadro de mareas, onde mañá será o día máis notable:

FONTE: antena3.com e tablademareas.com/es

CHEGA O VERÁN 2024

O verán de 2024 comezará oficialmente hoxe, o 20 de xuño, ás 22:51 hora peninsular oficial. Este momento, coñecido como o solsticio de verán, é cando a Terra alcanza o punto da súa órbita onde o Sol ten a súa máxima declinación cara ao norte.

É o día do solsticio de verán é o día con máis horas de luz do ano (15 horas e 27 minutos nas cidades do norte de España) debido á inclinación axial da Terra. A Terra vira sobre o seu eixo, que está inclinado uns 23.5 graos con respecto á súa órbita ao redor do Sol.

Durará esta estación, aproximadamente, 93 días e 16 horas, finalizando coa chegada do equinoccio de outono, previsto para o 22 de setembro, momento en que o día e a noite terán, aproximadamente, a mesma duración.

Bo verán a tod@s!

CONCELLOS GALEGOS NOS QUE SE DETECTOU A PRESENZA DA CARRACHA QUE TRANSMITE O VIRUS CRIMEA-CONGO

As carrachas do xénero Hyalomma son as transmisoras da febre hemorráxica de Crimea-Congo, unha enfermidade endémica en África, Asia e Os Balcáns que se está a propagar polo noroeste da península ibérica. Aínda que en Galicia non se rexistrou ningún caso, os informes periódicos da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) demostran que a especie Hyalomma marginatum leva presente no territorio, polo menos, dende 2019. De feito, as mostraxes levadas a cabo polo equipo de ReGaViVec detectaron esta carracha, o principal vector do virus de Crimea Congo, en 21 concellos. A maior distribución rexístrase na provincia de Ourense, con 14 municipios afectados; séguea Lugo con 5; e finalmente Pontevedra, con 2. A Coruña é a única provincia libre de Hyalomma marginatum.

Segundo explican fontes da Consellería de Sanidade, organismo do que depende ReGaViVec, os número de concellos nos que está presente a carracha son un acumulado dos últimos cinco anos. É dicir, non significa que a especie aparecera todos os anos en todos os concellos, senón que dende o 2019 se detectou Hyalomma marginatum en 21 localidades galegas. Seguindo a listaxe proporcionada por Sanidade, as zonas afectadas en Ourense son Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, A Rúa, Petín, Pobra de Trives, Manzaneda, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Mezquita, Allariz, Verín, Bande, Muíños e Lobios. Na provincia de Lugo son o propio municipio homónimo, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Triacastela e Quiroga. Finalmente, detectouse Hyalomma marginatum nos concellos pontevedreses de Gondomar e Oia.

FONTE: Laura Filloy/gciencia.com                Imaxe: Martín Galli/gciencia.com

O VIRUS DE CRIMEA-CONGO PROBABLEMENTE XA ESTEA EN GALICIA

Exemplar de carracha do xénero Hyalomma, o principal vector de transmisión da febre hemorráxica Crimea-Congo / Wikimedia Commons

Un home de 51 anos morreu en xuño de 2022 a causa da febre hemorráxica de Crimea-Congo, unha enfermidade cunha taxa de letalidade que pode acadar o 40%. O falecido era axente forestal na comarca do Bierzo, na fronteira con Galicia, e contraeu o virus a través da picadura dunha carracha, o seu principal vector de transmisión. Case dous anos despois daquel episodio, un equipo do Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos (IREC) publica un estudo no que constata a presenza do virus na área de Ponferrada. En concreto, os investigadores atoparon o patóxeno en 10 das 95 carrachas analizadas: “Unha das taxas de infección máis altas xamais documentadas”. Como nin os animais nin as enfermidades entenden de fronteiras, cabe reflexionar sobre a posibilidade de que a febre hemorráxica chegue a Galicia. “Probablemente o patóxeno xa estea aquí. Outra cousa é que se dean casos en humanos”, apunta a investigadora Susana Remesar, experta en Sanidade Animal da Universidade de Santiago (USC).

O virus leva circulando en España dende o 2010. E, de feito, entre 2013 e 2022 detectáronse 12 casos de febre hemorráxica de Crimea-Congo, dos que faleceron catro, segundo os datos facilitados polo Sergas. As únicas comunidades autónomas nas que se rexistraron contaxios foron Castela e León e Estremadura, coas provincias de Ávila, Badaxoz, Salamanca e León como únicas afectadas. E aínda que en Galicia non se rexistrou ningún caso desta enfermidade, os expertos non descartan que xa estea circulando no territorio. “Ata hai pouco non tiñamos o serotipo 4 do virus da Lingua azul —unha enfermidade que afecta aos ruminantes— e hoxe xa está en Ourense. Co cambio climático aparecen novas especies e novas enfermidades”, sinala o decano da Facultade de Veterinaria da USC, Gonzalo Fernández. A súa compañeira Susana Remesar insiste en que a febre hemorráxica pode estar presente en Galicia aínda que non haxa constancia dela: “Non vas detectar o virus se non se dan casos”.

Un paso imprescindible para coñecer mellor o patóxeno e a súa distribución no territorio é, precisamente, a través de estudos científicos como o do IREC, que depende do CSIC e ten a súa sede na cidade manchega de Ciudad Real. A aparición de tres casos na comarca do Bierzo entre 2021 e 2022 foi o principal impulso da investigación, que tamén suxire que esta febre hemorráxica “pode estar estendéndose ao noroeste de España. Para a detección do virus, os investigadores percorreron 30 quilómetros a pé na periferia de Ponferrada co obxectivo de identificar as especies de carrachas presentes na zona e responsables da transmisión autóctona do virus. O resultado foi, tal e como cualifican no propio estudo, “sorprendente”, dado que ningún dos individuos recollidos pertencía ao xénero Hyalomma, considerado o principal vector da enfermidade.

Máis en detalle, hai dúas especies moi abundantes que son as grandes transmisoras da febre hemorráxica de Crimea-Congo: Hyalomma lusitanicum e Hyalomma marginatum. Segundo explican os investigadores no artigo, ambas están documentadas no noroeste peninsular, aínda que en baixa frecuencia. Así o confirman tanto Gonzalo Fernández como Susana Remesar, que fan fincapé en que este xénero de carrachas non está moi estendido en Galicia. Con todo, o estudo do IREC confirmou que outras especies eran positivas no virus, abrindo a hipótese de que outro tipo de xéneros, máis alá do Hyalomma, desenvolvan “un papel inesperado” na transmisión do virus de Crimea-Congo. “Que detectaran o patóxeno noutros xéneros de carrachas non quere dicir que teñan a capacidade de transmitilo. Habería que demostrar que sendo positivas, se pican a algún hospedador poden contaxialo”, indica Remesar, insistindo en que se precisan máis estudos para determinar o comportamento do virus e tamén da súa transmisión.

Os “sorprendentes resultados” do estudo do IREC, que abren a porta a contemplar outros xéneros de carrachas como transmisoras deste virus de orixe africana, tampouco son concluíntes. De feito, os investigadores indican claramente no estudo que non se pode descartar que fosen as carrachas do xénero Hyalomma as que contaxiaron aos tres casos detectados no Bierzo entre 2021 e 2022. “A limitada extensión da área de estudo podería ter pasado por alto focos moi favorables para as carrachas Hyalomma na rexión, polo que non se pode descartar que desempeñaran un papel nos casos humanos de febre hemorráxica Crimea-Congo notificados no Bierzo”, subliña o estudo. Malia que este punto non queda de todo esclarecido na investigación, serve para que o equipo do IREC lance unha advertencia e considere “necesario” comezar a tomar medidas preventivas no noroeste de España, onde semella que se está propagando a enfermidade.

No que respecta ás accións que se poderían levar a cabo, Remesar sinala a realización de mostraxes, tanto a nivel preventivo —como fixeron os investigadores do IREC— como nos centros sanitarios, de maneira que se poidan detectar casos de febre hemorráxica que, doutro modo, poderían pasar desapercibidos. Con todo, estas non son as únicas propostas da experta en Sanidade Animal, que cre que se deberían implementar medidas de tipo individual para reducir o máximo posible o risco de transmisión. “Debes prestar especial atención se vas por zonas con moita vexetación. Galicia non é Madrid e por calquera matogueira pola que pases xa podes levar unha carracha enriba”, apunta a investigadora da USC. Con todo, insiste en que aínda non se detectou ningún caso no país e que máis alá da vixilancia, non hai que caer na alarma. “A febre hemorráxica Crimea-Congo ten unha taxa de mortalidade elevada pero son casos puntuais. A enfermidade de Lyme si que está estendida por toda Galicia e xa se considera endémica”, puntualiza Remesar.

FONTE: Laura Filloy/gciencia.com