Blogia
vgomez

PREMIOS REI XAIME I 2014

PREMIOS REI XAIME I 2014

A raiña Sofía fixo entrega dos premios / Imaxe:elperiodicomediterraneo.com

 

Os premios Rei Xaime I foron creados en 1989 para favorecer o achegamento en estudos e investigación, entre as distintas entidades científicas e as empresariais para a promoción da investigación e o desenvolvemento científico en España. Os premios son outorgados pola Fundación Premios Rei Xaime I, constituída pola Xeneralitat Valenciana e a Fundación Valenciana de Estudos Avanzados.

O xurado dos XXVI premios Rei Xaime I (formado por 19 premios nobel) recoñeceu nesta edición de 2014 a Angel Rubio, en Investigación Básica; Lina Badimon, en Investigación Médica; Enrique Sentana en Economía; Pedro Diego Jordano, en Protección do Medio; Javier García Martínez, en Novas Tecnoloxías e a José Vicente Tomás, da empresa Kerajet de Vila-real (Castelló), na categoría de Emprendedores.

Angel Rubio, premio de Investigación Básica, ten 48 anos e é doutor en Ciencias Físicas. O xurado distinguiuno por consideralo un "teórico mundialmente recoñecido en nanociencias e física da materia". Realizou contribucións decisivas á teoría e métodos da estrutura electrónica.

Lina Badimon (Barcelona, 1953) alzouse co premio de Investigación Médica. Dirixe o Centro de Investigación Cardiovascular do Hospital de Sant Pau de Barcelona e os seus estudos permitiron explicar moitos dos procesos polos que se forma o coágulo no interior das veas e o proceso inflamatorio ao que o devandito coágulo dá lugar. O xurado recoñeceuna polo seu traballo pioneiro en arteriosclerose, trombose e lesións isquémicas.

Pedro Diego Jordano (Córdoba, 1957) distinguido co premio de Protección do Medio, é doutor en Bioloxía e investigador do CSIC na Estación Biolóxica de Doñana. Os seus traballos céntranse no coñecemento da biodiversidade a través das relacións ecolóxicas entre os insectos e as plantas. Esta información é fundamental, segundo os xurados, para o coñecemento da dependencia entre plantas e animais.

Javier García Martínez, de 41 anos, é o novo premio de Novas Tecnoloxías. Doutor en Química, traballa na Universidade deAlicante, e foi elixido polos xurados pola fabricación de nanomateriais para aplicacións enerxéticas. A súa tecnoloxía xerou máis de 20 patentes en áreas tan diversas como a fabricación de catalizadores, uso da biomasa, tratamento de auga e separación de gases.

Parabéns a todos!

FONTE: Xornal El País/Ciencia

0 comentarios