Facebook Twitter Google +1     Admin
20160114124359-106587-web-620x760.jpg

Recreación de dous adultos de Protoceratops andrewsi en primeiro plano. Ao fondo, exemplares novos / Rebecca Gelernter/QMU

Mírame, son fabuloso. Non che gusto? Non che parezo impoñente? Unha mensaxe parecida é o que os dinosauros pretendían lanzar ás súas posibles parellas e ao resto da manda a través da exhibición de grandes atributos ornamentais, como os cornos e cristas na cabeza. Desde hai tempo, os paleontólogos sospeitan que estas estruturas tan rechamantes eran utilizadas como letreiros luminosos durante o cortexo e para afirmar o dominio social, pero agora puideron demostralo. Por primeira vez, científicos da Universidade Queen Mary de Londres vincularon a función da anatomía coa selección sexual nos dinosauros.

E fixérono estudando o crecemento dunha especie, o protoceratops, un pequeno dinosauro que viviu a finais do período Cretácico, fai máis de 70 millóns de anos. Cun tamaño similar ao dunha ovella, medía ao redor de 2 m desde o fuciño ata a punta da cola. En concreto, os investigadores analizaron 37 mostras de fósiles desta especie atopados na Formación Djadochta, no deserto do Gobi.

Os protoceratops tiñan un gran volante óseo que se estendía desde a parte posterior da cabeza sobre o pescozo. O estudo de fósiles de exemplares de diferentes idades, desde bebés ata adultos, revelou que os adultos tiñan volantes desproporcionadamente grandes en relación ao seu tamaño. A investigación, publicada na revista Palaeontologia Electronica, mostra que o volante estaba ausente nas crías e de súpeto aumentaba de tamaño a medida que os animais alcanzan a madurez, o que suxire que a súa función estaba ligada á selección sexual.

Os científicos cren que ese fantástico volante podería ser utilizado para atraer ás parellas adecuadas mostrándolles os seus mellores atributos ou para axudar a afirmar unha posición dominante nas interaccións sociais.

Os investigadores avaliaron o cambio na lonxitude e a anchura do volante en catro etapas da vida: os bebés neonatos, animais novos, case-adultos e adultos. O volante non só cambiaba de tamaño, senón tamén de forma, volvéndose proporcionalmente máis ancho a medida que o dinosauro se facía maior.

Os biólogos están a darse conta cada vez máis de que a selección sexual é unha forza enormemente importante na conformación da biodiversidade, tanto agora como no pasado. A selección sexual non só conta para a maior parte dos trazos máis estraños, bonitos e impresionantes que podemos ver no reino animal, tamén parece desempeñar un papel na determinación de como xorden novas especies, e hai cada vez máis probas de que tamén ten efectos sobre as taxas de extinción e nas formas nas que os animais son capaces de adaptarse a contornas cambiantes.

FONTE: Xornal abc/ciencia

Comentarios  Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.