Blogia
vgomez

2015 RR245: UN NOVO PLANETA ANANO

2015 RR245: UN NOVO PLANETA ANANO

A órbita do novo planeta anano sinalada en amarelo Alex Parker / Javier Guzmán

A familia dos planetas ananos medra. Esta semana anunciouse a presenza dun máis deses obxectos no Cinto de Kuiper, nos arredores do Sistema Solar. A falta de bautizo, o novo membro chámase 2015 RR245 e ten un diámetro estimado de 700 quilómetros segundo as primeiras observacións. Plutón, o maior dos corpos xeados que habitan a rexión, ten un diámetro de 2.371 quilómetros.

A órbita está moito máis afastada do Sol que o que foi durante décadas o noveno planeta coñecido. O novo planeta anano necesita 700 anos para dar unha volta á nosa estrela fronte aos 248 de Plutón. Aínda que en 2096, cando alcance o punto da súa órbita máis próximo ao Sol, atoparase dentro da órbita de Plutón, no seu momento máis afastado atoparase a 120 veces a distancia da Terra ao Sol: 18.000 millóns de quilómetros de distancia.

O descubrimento produciuse en febreiro deste ano a partir de imaxes recollidas polo Telescopio Canadá-Francia-Hawaii en setembro de 2015 dentro do Estudo das Orixes do Sistema Solar (OSSOS). Esta colaboración pretende explorar a poboación de curmáns de Plutón co obxectivo de entender a evolución do noso sistema planetario. OSSOS xa descubriu máis de 500 obxectos, pero este é o primeiro que podería alcanzar a categoría de planeta anano.

Segundo expica o equipo responsable da observación, a maior parte dos planetas ananos foron destruídos ou expulsados do Sistema Solar durante o caos que seguiu ao momento en que os planetas xigantes saíronse das súas posicións actuais. RR245 sería, xunto a Eris ou Plutón, un dos poucos sobreviventes.

Esta categoría de planetas ananos introduciuse cando se observou que máis aló da órbita plutoniana existían obxectos similares ao que ata entón fora un planeta máis. A clave para ser planeta anano non está no seu tamaño, senón nunha definición exposta en 2006 pola Unión Astronómica Internacional: Os planetas ananos teñen a masa suficiente para ser esferas, como os planetas de pleno dereito, pero non teñen a influencia gravitatoria suficiente para ser o obxecto dominante na súa órbita.

De momento, xa entraron na categoría de planetas ananos máis aló de Neptuno Eris, Haumea e Makemake, e existen máis dunha ducia en período de avaliación. Nese grupo entraría tamén o novo obxecto anunciado esta semana.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

0 comentarios