AUGAMAR "ALIENÍXENA"
Parece sacada dunha vella película de alieníxenas, pero é real e pertence a este mundo. O robot explorador ROV Deep Discoverer, controlado de forma remota desde o buque oceanográfico Okeanos Explorer da Administración Nacional Atmosférica e Oceánica de Estados Unidos (NOAA), descubriu nas profundidades próximas á foxa das Marianas, a uns 3.700 metros baixo as augas, esta impresionante e fermosa criatura. Trátase dunha medusa de aspecto tan estraño que calquera diría que é artificial.
A inmersión foi realizada o pasado mes de abril co obxectivo de estudar o monte submarino Enigma.
Os científicos cren que a hidromedusa pertence ao xénero Crossota. Ten dous conxuntos de tentáculos, curtos e longos. Os longos son uniformes e están estendidos cara a fóra, mentres a campá queda inmóbil.
Isto suxire, segundo os investigadores, un modo de depredación emboscada, como fan as arañas. É dicir, espera a chocar con algún obxecto para atrapalo. Dentro da campá, as canles radiais en vermello están a conectar puntos que parecen ser gónadas, de cor amarela brillante.
Esta medusa é un exemplo máis da vida na foxa das Marianas. Situada no océano Pacífico e considerada o lugar máis profundo do planeta, esta cicatriz que alcanza o 11 km de profundidade (o monte Everest podería introducirse dentro) é o fogar de diferentes seres. Investigadores descubriron altos niveis de actividade microbiana nos sedimentos do fondo.
FONTE: Xornal abc/ciencia
0 comentarios