Blogia
vgomez

O MAIOR DESCUBRIMENTO DE EXOPLANETAS

 

Os responsables do telescopio espacial Kepler , o maior cazador de planetas fóra do Sistema Solar, anunciaron o descubrimento de 1.284 novos exoplanetas, o que dobra dunha tacada o número destes corpos que se coñecía ata a data.

"Este anuncio duplica o número de planetas confirmados polo Kepler", dixo Ellen Stofan, científica xefe da NASA durante unha rolda de prensa celebrada onte."

Do conxunto de planetas presentado onte, uns 550 son rochosos e dun tamaño similar ao da Terra. Nove deles orbitan na zona habitable das súas estrelas, onde pode existir auga líquida e, por tanto, vida. Con esta nova adición, xa se coñecen 21 planetas deste tipo, os máis parecidos á Terra e coas maiores posibilidades a albergar vida. Entre todos os novos descubrimentos hai dous que chamaron a atención dos científicos polo seu extraordinario parecido coa Terra. Entre eles hai un cun tamaño case exactamente igual ao do noso planeta e outro onde un ano dura case o mesmo, en concreto 380 días, dixeron os científicos do Kepler.

O descubrimento presentado onte fíxose en base ao catálogo de Kepler de xullo de 2015, que entón tiña 4.302 candidatos. O método que se empregou é estatístico e asigna unha probabilidade determinada de que cada planeta candidato detectado polo Kepler exista realmente. Segundo os resultados, publicados en The Astrophysical Journal, hai máis dun 99% de posibilidades de que os 1.284 planetas descubertos sexan reais e non fallos do sistema. Outros 1.327 candidatos son probables, pero non superan ese nivel de confianza. O máis probable é que os 707 restantes sexan outro tipo de fenómeno astrofísico, dixo a NASA nun comunicado.

 Desde o seu lanzamento en 2009, o Kepler identificara máis de 4.500 planetas candidatos e confirmado a existencia de 984. Co descubrimento anunciado hoxe, a NASA completa o mapa de exoplanetas do Kepler, que xa era o máis completo do mundo. Este telescopio é tamén o primeiro no espazo capaz de detectar planetas do tamaño da Terra e que orbitan na chamada zona habitable ao redor da súa estrela, onde podería existir auga líquida e, por tanto, vida.

 Grazas a este instrumento, que seguiu funcionando a pesar dunha avaría en 2013, coñecéronse mundos e sistemas solares cuxa simple existencia soase a ciencia ficción fai 30 ou 40 anos. O catálogo inclúe sistemas solares que dobran en idade ao noso e demostran que a vida no universo puido xurdir moito antes do que se pensaba, planetas como a Terra que están a ser literalmente destruídos pola súa estrela, como lle sucederá algún día ao noso planeta, e outras estrelas con estraños obxectos orbitando que dispararon as especulacións sobre a existencia doutras civilizacións.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

0 comentarios