Blogia
vgomez

ATOPAN UN PLANETA ORFO MÁIS PEQUENO QUE A TERRA

Fenómeno de  microlente causado por un planeta orfo ao pasar diante unha estrela do fondo. Cando a gravidade dun planeta que flota libremente desvía e enfoca a luz dunha estrela distante, podemos observar cambios temporais no brillo das estrelas / Jan Skowron/Observatorio Astronómico, Universidade de Varsovia.

Detectouse un planeta deambulando pola Vía Láctea que non está ligado a ningunha estrela e que ten unha masa menor que a da Terra. Trátase do menor dos planetas  errantes coñecidos ata a data.

As simulacións por computador mostran que, na formación dun sistema planetario, algúns dos planetas poden saír despedidos cara ao espazo interestelar, perdendo a ligadura á estrela coa que se formou. Predíse así que debe de haber moitos planetas que  vaguen polo espazo  interestelar, sen estar ligados a ningunha estrela.

De feito, coñécese un par de ducias de obxectos, que teñen propiedades que cadran ben coas predicións teóricas e que son bos candidatos a planetas orfos. Pero o estudo de tales planetas errantes é moi difícil debido a que ningún planeta ten luz propia e, ao non estar preto de ningunha estrela, tampouco teñen luz próxima para reflectir. Son obxectos pequenos e escuros que, por agora, só poden ser detectados mediante unha técnica moi especial denominada de ’microlentes gravitacionais’.
Microlentes

Niste método, necesítase permanecer vixiando moitas estrelas dun campo celeste e esperar a que algunha delas experimente un pequeno abrillantamento. Iste abrillantamento, se non pode ser atribuído a outras causas, pénsase que é debido ao paso por diante da estrela, exactamente na súa mesma liña de mirada, dun obxecto planetario. O estudo do abrillantamento permite determinar a masa do planeta que pasa por diante e algunha outra característica.

Como vemos, as microlentes deberían ser fenómenos moi raros, pois precísase o aliñamento perfecto dunha estrela co planeta e a Terra. Pénsase que, observando tan só unha estrela, habería que esperar un millón de anos para que pase un planeta orfo por diante e podamos ver a microamplificación da luz estelar. Pero, con telescopios de gran campo, pódense observar moitísimas estrelas simultaneamente nunha única imaxe e, grazas a iso, a probabilidade de cazar unha destas microlentes aumenta considerablemente.

O proxecto OGLE (Optical Gravitational Lensing Experiment) vén utilizando, desde hai case 30 anos, un pequeno telescopio equipado cun telescopio de 1,3 metros de diámetro nas Campás (Chile) para facer un seguimento de millóns de estrelas en torno ao centro da Vía Láctea cada noite que o ceo está despexado, que alí é case sempre. O proxecto, liderado pola Universidade de Varsovia, permitiu detectar moitas variacións de brillos en estrelas que poden ser debidas a múltiples causas: variabilidade intrínseca, presenza de estrelas compañeiras ou sistemas planetarios, etc. Por suposto, o proxecto tamén busca os fenómenos de microlente.


Abrillantamento microlente ocasionado por OGLE-2016-BLG1928 / ApJLett/P. Mróz et al.

A microlente máis rápida detectada ata a data, coñecida como OGLE-2016- BLG-1928, tan só durou 42 minutos. Observouse o 18 de xuño de 2016, ademais de con OGLE, coa Rede Coreana de Microlentes (KMTNet) que ten telescopios despregados en Chile, Australia e Sudáfrica.

Para explicar un fenómeno tan rápido, o equipo de astrónomos coordinado por Przemek Mróz, un investigador postdoutoral de Caltech e da Universidade de Varsovia, conclúe que o obxecto que causa a microlente debe de ser un pequeno planeta orfo cun tamaño comprendido entre Marte e a Terra. E a súa masa parece estar máis próxima á de Marte que á do noso planeta azul. Con todo, a súa distancia non pode ser calculada cos datos dispoñibles.

Na curva de luz da microlente, non hai ningún indicio dunha estrela ao redor da que puidese orbitar este pequeno planeta. Se o planeta estivese orbitando ao redor dunha estrela, a súa distancia a ela debería de ser maior que 8 veces a distancia Terra-Sol. No noso sistema solar, esta órbita estaría situada entre as de Xúpiter e Saturno.

Os planetas orfos coñecidos ata a data eran moito maiores, mesmo máis grandes e masivos que Xúpiter. Polo que o novo obxecto detectado sería o máis pequeno dos planetas orfos coñecidos. Con todo, os planetas pequenos (con masas similares á da Terra, ou mesmo ata un terzo deste valor) parecen máis proclives a ser expulsados dos seus sistemas planetarios debido a interaccións gravitacionais cos irmáns xigantes  gasosos que forman parte destes sistemas.

OGLE-2016-BLG-1928 parece un bo representante deste tipo de pequenos planetas orfos que poden ser moi abundantes na Galaxia, pero moi difíciles de observar. A NASA proxectou o telescopio "Roman" que podería ser lanzado cara a 2025 co obxectivo de realizar un estudo exhaustivo de microlentes. O novo telescopio é chamado así en honra a Nancy Roman, a astrónoma que é considerada a ’nai’ do telescopio espacial Hubble polo papel fundamental que xogou no seu deseño.

Estímase que co telescopio Roman, os astrónomos serían capaces de detectar uns 250 planetas orfos, dos que uns 60 serían de tipo terrestre, ou mesmo máis lixeiros.

O artigo de Mróz e colaboradores, que leva por título "A terrestrial-mass  rogue planet candidate detected in the shortest-timescale microlensing event", foi publicado nun número recente da revista norteamericana The Astrophysical Journal Letters.

FONTE: Rafael Bachiller/elmundo.es/ciencia

0 comentarios