Blogia
vgomez

UN OCÉANO HABITABLE EN PLUTÓN

 

O 15 de xullo de 2015 a sonda New Horizons fixo historia ao sobrevoar Plutón máis preto que nunca. As súas imaxes mostraron por primeira a superficie deste planeta anano nos arredores do Sistema Solar, cuberta de volcáns de xeo e cunha gran rexión con forma de corazón. Agora, dous estudos analizaron o lóbulo esquerdo desa zona e apuntan a que baixo ela hai un gran océano de auga líquida.

Hai miles de millóns de anos Plutón chocou contra un cometa duns 200 quilómetros, 20 veces maior que o asteroide que acabou cos dinosauros. O impacto formou un enorme cráter que se foi enchendo de xeo. A súa acumulación, sumada ao efecto gravitatorio de Caronte, a maior lúa de Plutón, acabou desprazando todo o planeta sobre o seu eixo de rotación.

A depresión creada pola colisión, coñecida como Sputnik Planitia, “estaba a uns 1.200 quilómetros da súa situación actual”, explica James Keane, astrónomo da Universidade de Arizona e coautor dun estudo publicado na revista Nature que detalla este fenómeno. A conca foise enchendo de xeo de nitróxeno, metano e dióxido de carbono durante millóns de anos ata que acabou reorientando a Plutón respecto da súa lúa, coa que está ancorado e sempre se mostran a mesma cara.

A gran pregunta é de onde pode saír tanto xeo como para mover un planeta enteiro, aínda que sexa anano. “A forma máis obvia é que houbese unha gran masa de auga baixa o xeo de Sputnik Planitia”, explica Francis Nimmo, da Universidade de California en Santa Cruz. “No núcleo rochoso do planeta hai suficiente radioactividade como para derretir unha capa de xeo duns 100 quilómetros de grosor”, resalta. Tras o impacto, a auga fluíu ao exterior enchendo parte do cráter e desprazando todo o planeta, argumenta o equipo de Nimmo nun segundo estudo en Nature.

O océano de Plutón “está composto sobre todo por auga, pero probablemente tamén contén amoníaco, que actúa como anticongelante, polo que probablemente segue existindo na actualidade”, sinala Nimmo. “Tería un volume case equivalente ao dos océanos da Terra e é potencialmente habitable”, asegura.

É posible que exista vida nese océano, pero non será fácil demostralo. A masa de auga estaría baixo un sartego de xeo duns 150 quilómetros de grosor, moito máis que nas lúas Europa e Encélado, tamén con océanos habitables, ou nos xeos do Ártico e a Antártida. “Se enviásemos unha misión orbital, o que pode levar bastante tempo, poderiamos confirmar a existencia do océano buscando excesos de masa en Sputnik Planitia ou cun radar que traspase a cortiza de xeo”, explica.

A sonda da NASA deixou atrás Plutón e penétrase agora no cinto de Kuiper, composto por unha miríada de pequenos mundos xeados. “Probablemente outros obxectos de tamaño similar a Plutón no cinto de Kuiper teñan estes océanos subterráneos”, sinala Nimmo. Espérase que New Horizons alcance o primeiro deses corpos en 2019.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

0 comentarios