E SE OS MORCEGOS FORAN INOCENTES? UN NOVO ESTUDO PON EN DÚBIDA A ORIXE DA COVID-19
Os estudos coñecidos ata o de agora só puideron demostrar similutudE xenética entre coronavirus en morcegos e o SARS-CoV-2 / Rudmer Zwerver/iStockphoto
Diversos estudos indicaron durante os dous últimos anos que o coronavirus SARS-CoV-2, causante da Covid-19, ten a súa orixe máis probable en poboacións de morcegos do sueste de Asia.
Os indicios máis importantes achegados na maioría destes estudos son a presenza nalgúns destes quirópteros de coronavirus xeneticamente moi similares ao SARS-CoV-2 que infecta aos humanos.
Dous investigadores da Universidade de Tel Aviv (Israel), a doutora en medicina veterinaria Maya Weinberg e o neurobiólogo e profesor de zooloxía Yossi Yovel, revisaron boa parte destes estudos científicos e chegan á conclusión de que non existen evidencias suficientes para considerar demostrado que a orixe directa do SARS-CoV-2 sexan os morcegos.
Weinberg e Yovel indican que, como moito, pódese manter a hipótese de que os morcegos foron nalgún momento un paso intermedio na evolución deste coronavirus antes de atacar aos humanos. Máis aínda, en defensa dos mamíferos voadores, os autores desta revisión de estudos lembran que os morcegos "exhiben unha resposta inmunitaria equilibrada contra os virus que evolucionaron durante millóns de anos".
Os resultados deste novo estudo de interpretación ou metaanálisis de investigacións previas foron publicados na revista iScience cun titular provocativo: "Revisando o paradigma: Son os morcegos realmente reservorios de patógenos ou posúen un sistema inmunolóxico eficiente?".
A Universidade de Tel Aviv resumiu as conclusións do artigo dos seus dous investigadores lembrando en primeiro lugar que "os morcegos teñen un sistema inmunolóxico altamente efectivo que lles permite lidar con relativa facilidade con virus considerados letais para outros mamíferos".
A doutora Weinberg lembra que,"en xeral, concíbese erroneamente aos morcegos como reservorios de moitas enfermidades contaxiosas, só por ser positivos serológicamente positivos". Noutras palabras, considérase culpables aos morcegos porque se detectan anticorpos neles, o que pode significar simplemente que estes animais sobreviviron á enfermidade e desenvolto unha resposta inmune.
En moitos casos, lembra Weinberg, púidose comprobar que os morcegos venceron por completo a estes virus e, por tanto, xa non son os seus portadores. Por outra banda, en ocasións, os morcegos poden ser portadores dun virus similar a un patóxeno humano sen que iso signifique que sexan reservorios do axente que causa a enfermidade en humanos.
"Para examinar a situación xeral, realizamos un metanálisis da literatura e verificamos os achados de máis de 100 virus para os cales os morcegos se consideran reservorios potenciais, como o ébola, o SARS e o COVID", explica Maya Weinberg en declaracións difundidas pola súa universidade. "Atopamos que nun número considerable de casos (48%) esta afirmación baseouse na incidencia de anticorpos ou probas de PCR, en lugar do illamento real de virus idénticos. Ademais, moitos dos achados informados non son convincentes", indica a primeira asinante do novo artigo.
“O mero illamento dun virus non é suficiente para ver a un animal como reservorio, xa que se require un número mínimo de casos índice nos que se ille o virus para ser considerado un animal reservorio, así como a existencia dun reservorio establecido e unha vía de transmisión. Ademais, a detección mesma dun virus particular nos morcegos non garante necesariamente unha maior infección, e deben existir outras condicións biolóxicas, ecolóxicas e antropoxénicas para que tal evento ocorra", puntualiza.
Os fimantes deste metaanálisis consideran que "estase acumulando evidencia do feito de que os morcegos son capaces de facer fronte a diferentes virus, incluídos os letais, mellor que os humanos e a maioría dos demais mamíferos. Despois de máis de 100 anos de atención aos virus que portaban os morcegos, parece que o sistema inmunitario dos morcegos caracterízase por unha resposta restrinxida durante os procesos inflamatorios".
A doutora Weinberg conclúe que "o exhaustivo estudo que realizamos expón serias dúbidas sobre a posibilidade de que os morcegos sexan a orixe do brote de Covid-19". "Os achados dan lugar á perspectiva oposta, segundo a cal debemos estudar en profundidade as capacidades inmunolóxicas antivirais dos morcegos, e así obter medios novos e efectivos para facer fronte á loita da humanidade contra as enfermidades contaxiosas, o envellecemento e o cancro", propón esta doutora en medicina veterinaria da Universidade de Tel Aviv.
FONTE: Joaquim Elcacho/lavanguardia.com/natural
0 comentarios