Partimos cando nacemos, andamos mentres vivimos, e chegamos á vez que fenecemos”. Non sabía Jorge Manrique cando escribiu os seus famosos versos a finais do século XV (cara a 1470) que estaba a realizar un exercicio de intuición poética que adiantaba un achado hoxe corroborado pola ciencia: outorgar ao acto de camiñar a categoría de elemento definitorio da nosa especie. Hai quen, tirando de estatísticas e medias (o que sempre é un pouco reduccionista) calculou que un ser humano dá máis de 200.000 pasos na súa vida. O que equivalería a uns 177.000 quilómetros, distancia suficiente para dar cinco veces a volta ao mundo percorrendo a liña do Ecuador.

Se observas a rapidez ao andar ou a velocidade da marcha como un proceso, e combínalo coa idade e sexo, predí moi ben a lonxevidade e a esperanza de vida. Así se pode adiantar con moita máis exactitude canto vai vivir esta persoa” asegura Dina Katabi, directora do Center for Wireless Network, do MIT. A manida metáfora da vida como un camiño levada ao terreo do big data. Para realizar as súas afirmacións Katabi baséase nun macroestudio levado a cabo polo Instituto Tecnolóxico de Massachussetts no que analizaron a forma de camiñar de 64.000 persoas diferentes nun período de tempo entre seis e vinte anos. Medindo a frecuencia das zancadas, as distancias percorridas, a estabilidade e outros parámetros, o equipo de Katabi relacionou con bastante precisión a forma de andar dunha persoa con síntomas de enfermidades como a ELA, doenzas cardíacas, parkinson, alzehimer e outras: “non se trata só da esperanza de vida, senón de predicir problemas”. O que vén explicar Katabi non é que os nosos pasos pasos sexan como os pousos do café, as follas de té ou as cartas do tarot… é dicir, que a lectura destes datos non anticipa a data da nosa morte coma se fose unha pitonisa de barraca de feira, senón que as métricas corroboran algo que os biólogos e os médicos xa sabían: que o noso corpo é sabio e adapta os seus movementos conforme imos avanzando en idade sen necesidade de que pensemos niso. A tecnoloxía o que fai é detectalo e axudar a previr posibles problemas.

Katabi, nacida en Siria, iniciou estudos de medicina en Damasco por tradición familiar, pero abandonounos no primeiro ano aínda que era a alumna máis brillante da súa promoción, porque se deu conta de que “non podía vivir sen as matemáticas”. Foi, a pesar do desgusto dos seus pais, unha das mellores eleccións da súa vida. Xa que desde a súa chegada ao MIT, o seu traballo foi recoñecido como un dos máis brillantes e prometedores da institución. O Business Insider incluíuna o seu nome nunha lista dos doce profesores máis impresionantes do MIT, unha institución que acolle non poucos premios Nobel. Aínda que as investigacións de Katabi abarcan un amplo espectro dentro da enxeñería eléctrica, un dos seus proxectos, o WiGait, é xa unha realidade que pode cambiar a forma de vida de moitas persoas, en especial a de máis idade.

A posibilidade de medir o movemento non é nova, leva utilizando con distintos dispositivos desde hai anos. Pero a maioría deles: cámaras, weareables ou smartphones, non son o suficientemente precisos e, ademais, resultan invasivos. WiGait, a proposta de Katabi e o seu equipo, soluciona estes problemas debido a que fai o seguimento dos pasos das persoas analizando os sinais inalámbricos que rebotan no seu corpo a través dun dispositivo colocado na parede da vivenda. Isto, ademais de permitir estudos durante períodos prolongados, consegue unha fiabilidade entre o 85 e o 99%. Katabi asegura que grazas á análise dos datos recolleitos pódense detectar síntomas de enfermidades, así como prever se é necesario axustar as doses dun tratamento médico ou se a persoa ten problemas de peso ou respiratorios.
 
Katabi, cuxas investigacións sobre os sinais inalámbricos espertaron unha gran expectación no MIT, cre que a súa utilización permitiranos dar un salto tecnolóxico que será “como usar a forza en Star Wars. Non é unha fantasía, é algo moi real”.

FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País