CONTOS DE LUGRÍS FREIRE
Hoxe propoñovos un conto de Manuel Lugrís Freire. Pero, quen é? Pois trátase dun escritor nacido en Sada (A Coruña) en 1863 e morto en 1940. Foi un home comprometido co galego. Se queres coñecer algo da súa biografía e vida pincha en Manuel Lugrís Freire
O conto en cuestión é "A mitá en cartos"
Fai tantos anos como eu conto de vida, que andaba visitando as freguesías das Mariñas un señor Arzobispo, cuio nome non lembro, desprendido, xeneroso e caritativo coma un cristiano de boa lei. Por aquelo de que "canto máis doce é o mel, máis moscas caen sobre el", non acougaba o perlado coas peticións que decote i en todas partes lle facían.
Nunha aldea, preto de Betanzos, según conta a historia, presentáronse ao señor Arzobispo dous labregos a pedirlle diñeiro para a fundación dunha escola de primeiras letras. Xa non lle quedaba nin branca na faltriqueira, e o rogo aquel púxoo nun verdadeiro compromiso.
- Señor -decíalle Chinto, repetindo as palabras que lle apuntaba por detrás Bastián, seu compañeiro de comisión-; sabemos que a vosa señoría é xeneroso e amigo dos pobres, e polo mesmo vimos a lle rogar que nos dea algo para axudarnos a erguer as paredes da nosa escola, que tanta falla nos fai...
- Ben sabe Dios, meus fillos, -respondeu o perlado-; ben sabe Dios que eu non podo negarme a axudarvos na vosa empresa. Enseñar ao que non sabe é unha obra de misericordia das máis proveitosas e gratas aos ollos de Dios.
- Ten razón, si, señor -anadéu Chinto, máis contento que un cuco porque comprendeu que a súa petición era atendida.
- E polo tanto -sigueu o perlado con voz solene e cariñosa-, eu concedereivos, para vós e máis para os que vos axuden na civilizadora labor, catrocentos días de indulxencia plenaria...
-Está ben, si, señor; Dios llo pague -contestóu Chinto con certa resignación.
E Bastián, que estaba detrás, díxolle quediño:
- Chinto, dille á súa señoría que che dea a mitá das indulxencias en cartos.
(Respetouse a ortografía e vocabulario do autor)
En próximos días proporeivos outros contos da súa autoría.
0 comentarios