COCHES DO PASADO CON NOME PROPIO IV
Continuando coa serie aos coches do século pasado con un nome propio peculair, hoxe falaremos do Zapatilla.
O Zapatilla era realmente un Biscúter, un icono da automoción celtibérica, un microcoche moi popular na España dos anos cincuenta e que hoxe é unha peza indiscutible de museo, con forma de zapatilla.
Ten as súas orixes en Francia, a finais dos anos 1940, onde Gabriel Voisin, deseñador de avións e titular da prestixiosa fábrica de automóbiles Voisin, deseñou un coche mínimo chamado Bi-scooter. O nome implicaba que era do tamaño de dúas motos scooter ou ben unha moto scooter con catro rodas. En Francia, a idea non atraeu o interese dos fabricantes nin do público, pero ocorreu todo o contrario na España de posguerra, e finalmente vendeu a licenza á firma española Autonacional S.A. de Barcelona.
Cando se introduciu no mercado en 1953, o coche non tiña nome formal e chamábase simplemente Serie 100, pero pronto pasou a ser coñecido como "Zapatilla".
O Zapatilla realmente estaba simplificado ao mínimo, sen portas, fiestras nin marcha atrás. O motor Hispano Villiers dun cilindro, 197 cc e dous tempos desenvolvía 9 CV, arrincábase cun tirador e tiña a transmisión soamente á roda dianteira dereita. O freado realizábase cun sistema pouco común de tres puntos, que incluía a transmisión e cables ás rodas traseiras. Unha característica realmente avanzada foi unha carrocería completamente de aluminio, aínda que máis tarde se usase aceiro.
0 comentarios