Blogia
vgomez

UN MOVO MUNDO: "ULTIMA THULE"

Artist’s impression of NASA’s New Horizons spacecraft encountering 2014 MU69

Recreación artística dun obxecto del Cinturón Kuiper que orbita máis alá de Plutón "Ultima Thule" / NASA/JHUAPL/SwRI/Steve Gribben

En xaneiro de 2019, a sonda New Horizons  descubrirá un novo mundo. A nave espacial que en 2015 visitou Plutón por primeira vez leva tres anos viaxando en busca do seu próximo obxectivo, a uns 1.600 millóns de quilómetros de distancia do que durante moito tempo consideramos o último planeta do Sistema Solar. Nos últimos anos, internouse no cinto de  Kuiper, unha rexión poboada por obxectos xeados aínda rodeados de misterio. Alí atoparase cun corpo (ou quizá dous) duns 19 quilómetros de diámetro que se bautizou provisionalmente como Ultima Thule.

Enviar un artefacto a 6.500 millóns de quilómetros de distancia para que sobrevoe a só 3.500 quilómetros da superficie dun corpo relativamente pequeno require unha precisión nos cálculos difícil de imaxinar. Para alcanzar o seu obxectivo, a NASA, que é a responsable da misión New Horizons, realizou varias expedicións por todo o mundo para observar o paso de Ultima Thule por diante dalgunhas estrelas para poder coñecer mellor as súas características. O ano pasado, varios equipos de investigadores colocaron os seus telescopios en distintos puntos da Patagonia arxentina para fotografar o obxecto MU69, como se coñece oficialmente a Ultima  Thule.

Ata entón, o único telescopio capaz de observar ese novo mundo fora o Hubble, que foi o encargado de buscar o novo obxectivo para New Horizons. Con todo, non fora capaz de determinar o seu tamaño ou a súa forma, algo que foi posible coas novas observacións.

Este ano realizáronse dúas expedicións máis, unha a Senegal e outra a Colombia, para acabar de afinar o coñecemento que se ten sobre o obxecto do cinto de  Kuiper.

Nas próximas semanas, os científicos da NASA analizarán os datos recolleitos para acabar de programar a traxectoria do New Horizons que o día de Ano Novo de 2019, dentro de tan só catro meses, chegará a un novo mundo, o máis afastado xamais explorado pola humanidade. Entón, poderá empezar a desvelar algunhas incógnitas que non se poden percibir de lonxe, coma se é en realidade un sistema  binario con dúas rocas orbitando unha xunto á outra ou se trata dunha soa.

Os datos que recolla tamén servirán para facer arqueoloxía do Sistema Solar. Como o cinto de asteroides aínda que moito maior, o cinto de Kuiper está formado por restos da formación do noso sistema planetario e é probable que aqueles obxectos manteñan unha composición similar á que tiñan naquela etapa  antiquísima. No seu paso  velocísimo sobre Ultima  Thule New  Horizons tamén espera recoller algunha peza máis que engadir ao inmenso e  fragmentado crebacabezas das nosas orixes.

FONTE: Daniel Mediavilla/elpais.es/ciencia

0 comentarios