De tanto repetilo xa é case un lugar común: “Nuns anos, todos comeremos algas”. A frase escóitase en informativos de televisión, ocupa titulares en xornais, difúndese por redes sociais e termina sendo pronunciada por alguén, non necesariamente cunha autoridade científica que o avale, nunha comida familiar.

A grandes liñas todos sabemos o que son as algas, aínda que o noso coñecemento limítese ás que se nos enredan nos pés nas praias ou as nori que se utilizan para enrolar o sushi. Pero as algas mariñas son un grupo de organismos moi heteroxéneo, composto por decenas de miles de especies e presentes en todo o planeta. Nalgúns lugares forman parte da gastronomía desde hai moito tempo (hai países asiáticos que as cultivan dende o século IV), e noutros estanse introducindo aos poucos como é o caso de España. Miguel Ferreiro, investigador do CSIC e autor do libro As algas que nos comemos, cre que “son o alimento do futuro”, pero vai máis aló ao considerar que “as algas son agora mesmo unha fonte case inesgotable de propiedades”. E non todas esas propiedades teñen que ver coa alimentación.

Efectivamente, agora mesmo hai en marcha investigacións que sitúan as algas como un posible combustible, como depuradoras de auga, como sumidoiro de CO2 e multiplican as súas utilidades en campos tan diversos como a farmacoloxía ou a produción de celulosa para papel, entre outras. Carlos Rodríguez Vila, director xeral de AlgaEnergy, confirma estas expectativas: “Estamos a falar dunha materia prima que é inesgotable, que é sustentable, que beneficia ao medio ambiente ao cultivala porque captura CO2 e ademais ten o maior contido proteico do planeta”.

AlgaEnergy é unha compañía española dedicada á investigación con microalgas que desde o ano 2007 veu desenvolvendo distintos produtos destinados á acuicultura, a agricultura, a nutrición humana e animal, a cosmética e os biocombustibles. Precisamente dentro deste último terreo, a planta que ten a compañía na T4 do aeroporto de Madrid Adolfo Suarez, é unha exemplo das grandes vantaxes que as algas poden achegar para a aviación nun futuro de enerxías limpas. De feito, como indica María Segura, directora técnica de AlgaEnergy, o seu combustible xa ten as condicións “apropiadas, pero temos que seguir traballando en minimizar os custos de produción”.

Poida que, efectivamente, aínda sexa caro conseguir que os avións voen con combustibles provenientes de algas, pero terminará por ser viable porque, como asegura Rodríguez Vila, a denominada economía circular dentro da que se enmarca AlgaEnergydedícase de maneira prioritaria a buscar solucións para as graves crises que ten que enfrontar a humanidade”. E unha delas é, sen dúbida, conseguir conxugar as nosas necesidades coa vida no planeta.

FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País