Blogia
vgomez

RECUPERACIÓN DA SERRA HIDRÁULICA DE MARZÁN


O delegado da Consellaría de Traballo, Pedro Borrajo Rivas, acompañado do alcalde do Rosal, Jesús Mª Fernández Portela; da concelleira de Cultura, Mª do Rosario Tabales, e o coordinador documentalista, Antonio Lomba, visitaron onte a, posiblemente, única serra hidráulica reconstruída en Galicia, que se localiza no lugar de Marzán, no coñecido como Muíño do Pijorro, alimentado polo regato da Soberbia, e no que traballaron catro obreiros: dous carpinteiros, un albanel e un encargado de obra.

Segundo a xustificación que serviu ao concello rosaleiro para reclamar a colaboración de Traballo nesta reconstrución, a información necesaria para redactar o proxecto de rehabilitación da Serra de Marzán, obtívose dun traballo didáctico realizado por un grupo de profesores do IES A Sangriña, “A auga. Aplicacións enerxéticas na Galicia preindustrial”, premiado pola Consellaría de Educación e a de Industria e Innovación, na modalidade de materiais curriculares.

Explicou a edil de Cultura, que a serra hidráulica de Marzán formará parte dun circuíto turístico-cultural-etnográfico, ao mesmo tempo que didáctico, no que tamén se incorporarán o Aula da Natureza das Aceñas, que está na súa última fase, e o complexo de muíños do Picón-O Folón.

O Muíño do Pijorro, de propiedade privada, pero cedido durante 25 anos ao concello do Rosal, é un muíño dobremente funcional, xa que ao seu carácter de serrería, hai que sumar que era tamén un muíño fariñeiro de dous moas.

Pedro Borrajo valorou positivamente o traballo realizado, e engadiu que tanto polo seu valor etnográfico, como polo futuro que lle destine a corporación do Rosal, poderáselle sacar un gran rendemento, sobre todo desde o punto de vista didáctico, xa que permitirá coñecer como se traballaba na época preindustrial e tamén os usos da auga.
Orixes

A serra hidráulica de Marzán é unha instalación construída a finais do século XIX, de 100 metros cadrados, que consta dunha serra hidráulica alternativa e dous muíños de rodicio. A maquinaria da serra, segundo o estudo elaborado por Antonio Lomba, atopábase en moi bo estado de conservación na parte correspondente ao tremiñado (piso superior), e nun estado de certa deterioración na parte correspondente ao inferno (zona inferior).

No Rosal, ademais desta, coñécense outras dúas serras: a de Couto, en Valdemiñotos, descrita por Praxiteles González Martínez no seu libro “Ribeiras do Baixo Miño”, e outro máis no lugar de Fornelos.

A levada bifúrcase para alimentar, á esquerda, á serra; a dereita ás dúas moas fariñeiras

Entrada do cubo

Regato da Soberbia que alimenta a levada

Entrada, desde o exterior, ao inferno cando se precisa realizar algún arranxo nos artiluxios que moven a serra

Serra no tremiñado, vista desde a porta principal. Ao fondo, a porta traseira do muíño, que permitía retirar as taboas cortadas

Forno no interior do muíño

Roda, e árbore (eixe), que se move pola forza da auga. Vista dese o tremiñado

Gateira, ten forma troncocónica, e acumula a auga que moverá a roda

O mecanismo motriz visto desde o inferno

Trampiña que permite baixar desde o tremiñado ao inferno

Antonio Lomba explica o funcionamento das distintas pezas que se atopan no inferno

Detalle da serra e outros elementos situados no tremiñado

Unha parte do Muíño está dedicado a moenda dos cereais

Cruciformes nunha das pedras da fachada

 

Información obtida de www.galiciasuroeste.info

0 comentarios