Blogia
vgomez

CONTO: O MÚSICO

CONTO: O MÚSICO

Era Dona Amalia unha señorita delicada, presumida e solermia, de grande nivel social, rica, solteirona e con motísimas relacións entre as altas xentes de influencia na Coruña.

A súa debilidade era un sobriño de quince anos, medio gambetas, ao que lle daba o que pedise e chamaba cariñosamente Horacito.

El, algo afeccionado á música, e ela crida de que era un auténtico virtuoso cunha carísima trompeta que lle comprara. Empeñáronse en que tiña que tocar nunha banda militar da Cidade de Cristal.

Traxe de estrea, repeiteado, trompeta limpa e brillante, coas partituras nunha carpetiña, dirixíronse ao quiosco dos xardíns de Méndez Núñez, un domingo pola mañá, para a súa primeira actuación estelar.

Con moita xente escoitando a agrupación abríu o concerto co emblemático Ponteareas do mestre Reveriano Soutulo. Esta peza, como é sabido, ten uns preciosos solos e contrapuntos de trompeta onde o Horacio puido lucirse, pero non foi quen.

Mamaíña. Aquel instrumento soaba coma unha manda de elefantes cando barritan asustados nunha desbandada de tormenta africana.

Dona Amalia estivo engaiolada coa actuación, vendo os xetos e as filigarnas do rapaz. Non escoitaba moito porque a pobriña era ben xorda, pero moi atenta aos movementos.

Ao remate da canción, dirixíuse ao director e preguntoulle ilusionadísima:

- ¿Qué le parece la ejecución de mi sobrino?

- Home -dixo o capitán-, executalo paréceme excesivo, pero unha boa malleira de paus, a fe que a merecía.

Fonte: Almanaque Agrícola. Ano 2010.

0 comentarios