Blogia
vgomez

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2010: UXIO NOVONEYRA

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2010: UXIO NOVONEYRA

Uxío Novoneyra nace o 19 de Xaneiro de 1930, na aldea de Parada de Moreda, en plena serra do Courel, dentro dunha familia labrega acomodada.
En 1945 trasládase, durante o período escolar, a Lugo para estudiar o bacharelato, que remata en 1948.  De 1949 a 1951 está en Madrid e alí, tras superar o Exame de Estado, matricúlase por ouvinte na carreira de Filosofía e Letras. Esta xeira madrileña é unha etapa de formación cultural, en gran parte autodidacta, na que empezará a escribir en castelán, chegando a publicar na revista universitaria Bengala dous poemas que formaban parte do libro inédito Desde las cosas.
En 1952 Novoneyra volve a Galicia para facer o servicio militar, con estancias en Santiago de Compostela, A Coruña e Lugo. As experiencias composteláns son fundamentais pois espertan no escritor unha nova conciencia galega que se vai forxando en contacto con figuras como o pintor Carlos Maside, o ensaísta e ideólogo Ramón Piñeiro e a figura polifacética e patriarcal de Ramón Otero Pedrayo, tres personalidades esenciais na conformación da futura obra novoneyriana. É precisamente este contacto co galeguismo, xunto coa volta ao Courel durante unhas vacacións no ano 1952, o que motiva o autor para escribir en galego. A continuación, de 1953 a 1962, permanece no seu lugar de nacemento tendo que gardar repouso a causa dunha pleuresía.
No período que vai de 1962 a 1966 o escritor vive en Madrid. Nesa capital traballa na radio e na televisión, sempre en programas relacionados coa poesía galega, española ou universal; participa na bohemia vida madrileña; e asiste ás tertulias do Café Gijón, co poeta Carlos Oroza, o pintor Tino Grañido e un grupo de artistas plásticos como Urculo ou Viola.  Neste ambiente de vangarda artística e preocupación socio- política escribe, entre 1962 e 1965, a serie poética titulada “Elegías de Madrid”, que xunto con outras dúas anteriores (“Primera verdad y tiempo con nombres” e “Elegías del Caurel”, elaboradas respectivamente entre 1953 e 1957 e 1958 e 1961) conforman o libro, editado na capital do Estado en versión bilingüe galego- castelá e dentro da colección “Adonais”, Elegías del Laurel y outros poemas (Rialp, Madrid, 1966).
En 1966 retorna de novo ao Courel, debido á enfermidade dos seus proxenitores, e xa desde este momento quedará a vivir en Galicia. O seu pai morrerá en 1971 e dous anos despois a súa nai, pero en 1968 coñece en Lugo a Elva Rei coa que casará en 1973. A parella terá logo tres fillos, Branca- Petra, Uxío e Arturo, e residirá ata 1983 entre Lugo e O Courel. Daquela recolle os poemas do ciclo courelán posteriores á publicación do primeiro libro, escritos entre 1954 e 1957,que, xunto con outros máis recentes de marcado signo político, conforma a obra titulada Os eidos 2 (Galaxia, Vigo, 1974). Por outra parte, nestes anos de marcada preocupación cívica, traduce ao galego varios poemas do escritor e político chinés Mao Zedong (El Progreso, 19-9-1976).
A comezos da década dos oitenta Novoneyra é considerado xa como un clásico pois como tal o confirman non só o seu tratamento na Gran Enciclopedia Gallega, senón moi especialmente os estudios da nova crítica, como o revelador “O fonosimbolismo na poesía de Novoneyra” publicado en 1980 por Claudio Rodríguez Fer ou os comentarios literarios como o sopesado “O iceberg poético de Novoneyra” que escribe Anxo Tarrío en 1981.  Nesta mesma década o noso autor inicia a recompilación completa do seu ciclo courelán, despois de sometelo a unha rigorosa depuración. Así, publícase no número un da colección Grandes Mestres Os eidos. Libro do Courel (Xerais, Vigo, 1985).
En 1983 afíncase definitivamente en Compostela, desde onde exerceu a presidencia da Asociación de Escritores en Lingua Galega, a partir da súa primeira elección en 1982 ata a súa morte en 1999. Desde o punto de vista creativo, na segunda metade da década dos ostenta comeza unha reagrupación temática da súa obra completa. Así, en Muller pra lonxe (Deputación de Lugo, Lugo, 1986) reúne, no número un da colección por el mesmo bautizada “Gran Lugo de nebra”, os poemas eróticos e amorosos. Seguindo estas recompilacións temáticas, publícase finalmente unha nova versión bilingüe galego- euskera da serie courelá, pero depurada dos elementos políticos ou eróticos, presentes nas publicacións anteriores deste ciclo, e sen as dedicatorias nin o glosario das versión precedentes. Esta edición, titulada Bazterrak/ Os eidos I e II (Pamiela, Iruñea, 1988) foi realizada e prologada polo poeta donostiarra Koldo Izagirre. Máis adiante, ao comezo da década dos noventa ve a luz unha edición introducida e anotada deste ciclo telúrico, agora na colección Biblioteca das Letras Galegas e ao coidado de Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, Os eidos (Xerais, Vigo, 1990), edición que contribúe á consolidación do escritor no canon literario galego e que, con respecto aos textos, repite a anterior á que só engade un último poema, o titulado “O monte Cido”, escrito en 1985. Nesta mesma liña canonizadora do autor dentro do sistema literario, tres anos despois, na colección “Criterio” promovida pola Asociación Sócio- Pedagógica Galega, Antonia López García publica un traballo sobre a súa obra: Os camiños do soño (a poesía de Uxío Novoneyra) (Do Cumio, Vigo, 1993).
Máis os anos noventa van amosar unha nova contribución creativa do escritor, que dá a coñecer dúas publicacións de literatura infantil, O cubil do xabarín Gorgorín e Cabezón (Edelvives, Zaragoza, 1991) e (Edelvives, Zaragoza, 1992), dous contos de aventuras protagonizados por rapazas e rapaces, ambientados na xeografía do Courel e cunha rica linguaxe poética. Nesta mesma década, reedítase na colección “Merlín e Familia” Elexías do Caurel e outros poemas, con modificacións, ademais do engadido da serie “Madrid / noite”, ilustrado cun debuxo de Reimundo Patiño e baixo o novo título de Tempo de elexía (Vía Láctea, A Coruña, 1991). Ademais, despois dun longo silencio, roto tan só pola aparición dalgunha composición nova, como puido ser a titulada “Viaxe”, dada a coñecer en 1991, ou a saída da segunda edición da obra Os Eidos da Biblioteca das Letras Galegas (Xerais, Vigo, 1991), publica unha entrega poética individual, Poemas da doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras (Espiral Maior, A Coruña, 1994). Esta reaparición poética complétase coa publicación do poemario de temática compostelá e autoría colectiva Camelio xaponés (Consorcio de Santiago, Santiago de Compostela, 1995). A obra reúne en edición bilingüe galego- nipona sete xiikas (versos xaponeses) de Ayako Sugitani, en versión galega de Novoneyra, e tres composicións galegas do noso autor, postas en xaponés pola citada escritora nacida en Hagi- Shi.
E neste último período o poeta segue sacando á luz diversas mostras creativas en distintos medios, como as “Lendas de a cavalo” (O Correo Galego 13-VII-1997), pertencentes á obra inédita a que o propio escritor se ten referido en distintas ocasións como Libro de Rotas/ Ameto Mítico ou simplemente Ameto Mítico, e que sairía á rúa uns días despois do seu pasamento, acaecido o 30 de outubro de 1999, baixo o título Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago outras rotas (Hércules Ediciones, A Coruña, 1999)  

0 comentarios