SUBIDA DA LUZ
Imaxe:josejoaquinleon.es
Unha das primeiras sorpresas deste ano, que acabamos de estrear, foi a subida da luz do 9,8% por parte do Goberno; o maior incremento rexistrado desde o ano 1983.
Lamentablemente, como cidadáns pouco podemos facer, pero como consumidores e usuarios si que temos respostas, eso si moi necesarias ante a situación: AFORRA ENERXÍA.
Aquí temos unha lista de formas de facelo, que ao final irán no noso beneficio ECOLÓXICO e MONETARIO:
Iluminación
- Substitúa as lámpadas convencionais (incandescentes), son as de maior consumo e as de menor duración, por lámpadas "eficientes" (lámpadas fluorescentes compactas sen reactancia radioactiva e halóxenas de baixa voltaxe). Proporcionan a mesma luz, duran 8 veces máis e aforran ata un 80% de enerxía. Segundo o Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE), a substitución dunha lámpada tradicional por outra de baixo consumo representa ao final da súa vida útil un aforro de máis de 60 euros.
- Se cambia as tres lámpadas de maior consumo da casa polas equivalentes de baixo consumo, reducirá á metade o que gasta en iluminación e recuperará a compra polo aforro en oito meses. O aforro ao cabo de cinco anos andará arredor dos 300 euros.
- As lámpadas fluorescentes compactas son excelentes aforradoras de enerxía, e máis se se ten en conta que o gasto enerxético en iluminación supón preto do 20% do consumo eléctrico do fogar. Nalgunhas casas carentes de luz natural abonda este gasto pode chegar alcanzar a metade do recibo da luz.
- Instale tubos fluorescentes nos espazos onde necesite máis luz, e onde esta permaneza acesa moitas horas: cociña, baño... Duran 10 veces máis ca as lámpadas incandescentes e consumen catro veces menos enerxía. Procure non acendelos e apagalos constantemente, xa que se reduce a súa vida. Se a fluorescente vai estar apagada menos de 20 minutos, é mellor deixala acesa.
- Tanto lámpadas fluorescentes como incandescentes han de permanecer limpas de po para que o lixo non bloquee a luz que emiten.
- Sempre que sexa posible, aproveite a iluminación natural. Manteña abertas as persianas e cortinas mentres haxa claridade para aproveitar ao máximo a luz natural do sol. Use luz artificial cando realmente a precise. Non deixe luces acesas en cuartos ou zonas nas que non haxa ninguén.
Electrodomésticos
Cando se adquire un electrodoméstico, é moi importante ter en conta o seu consumo de enerxía. Por iso, cómpre que repare na etiqueta enerxética que se inclúe en todos os electrodomésticos cando queira decidir a súa compra. Esta clasificación indica o grao de eficiencia enerxética do aparello. A maior eficiencia, menor consumo.
Consumo de enerxía | |
Clase | Consumo |
A | Menos do 55% da media |
B | Entre o 55% e o 75% da media |
C | Entre o 75% e o 90% da media |
D | Entre o 90% e o 100% da media |
E | Ata o 10% máis da media |
F | Entre o 10% e o 25% máis da media |
G | Por riba do 25% máis da media |
O mellor xeito de aproveitar os seus electrodomésticos e de que consuman menos, é utilizalos sempre a plena carga e, se teñen, usar os programas económicos.
Lavalouzas
- O lavalouzas é un dos electrodomésticos que máis enerxía consume. O 90% dese consumo débese ao proceso de quentar a auga e o 10% restante utilízase para xirar as aspas e axitar a auga. Non obstante, lavar os pratos á man con auga quente supón un 40% máis de consumo ca co lavalouzas.
- Elixa o tamaño do seu lavalouzas en función das súas necesidades. Se normalmente ten pouca vaixela que lavar, dificilmente poderá utilizar un lavalouzas grande a plena carga.
- Unha opción interesante son os chamados lavalouzas bi-térmicos, que teñen dúas tomas independentes, unha para a auga fría e outra para a auga quente. Deste xeito, a auga quente tómase do circuíto procedente do quentador ou caldeira, reducindo un 25% o tempo de lavado e aforrando enerxía.
Lavadora
- As lavadoras de baixo consumo aforran ata un 70% de auga e un 24% de enerxía.
- Analice os ciclos de lavado que ofrece cada modelo e lembre a importancia de dispor dun ciclo económico e curto, e a posibilidade de elixir distintas temperaturas de lavado.
- Teña en conta que as lavadoras de carga frontal gastan, xeralmente, menos enerxía e auga ca as de carga superior.
- O 90% do consumo da lavadora é para quentar a auga. Utilice un programa de lavado con auga fría ou morna, que adoita ser suficiente cos deterxentes actuais.
Frigorífico
- O frigorífico é o electrodoméstico que máis electricidade consume da casa, en concreto, o 40% do que consumen o conxunto de aparellos.
- O xeo é illante e dificulta o arrefriamento no interior do frigorífico. No mercado hai modelos, os chamados "non-frost", ou sen xeada, que teñen unha circulación continua de aire no interior que evita a formación de xeo.
- Regule a temperatura do frigorífico segundo as instrucións do fabricante. Cada grao centígrado de frío supón o aumento do 5% en consumo de enerxía.
- Manteña a parte traseira do frigorífico e conxelador sempre limpa e ventilada e sitúeos lonxe dos focos de calor. Instalados en malas condicións poden consumir ata un 15% máis de enerxía.
- Non introduza alimentos quentes no frigorífico ou no conxelador. Se os deixa arrefriar fóra, aforrará enerxía.
- Comprobe que o seu frigorífico pecha hermeticamente e non o abra inutilmente. Uns poucos segundos abondan para perder boa parte do frío acumulado.
Placa e forno
- Se a súa cociña é eléctrica, use cazolas e tixolas de maior tamaño ca a placa ou zona de cocción. Se un recipiente deixa ao aire dous ou tres centímetros da zona de cocción, está a perder a metade da enerxía consumida. Sempre que a receita o permita, utilice potas a presión. Consumen a metade de enerxía e aforran moito tempo.
- Aproveite a calor residual da cociña eléctrica, apagándoa cando falten uns cinco minutos para acabar de cociñar (algo menos se é vitrocerámica).
- Non abra innecesariamente o forno. En cada ocasión que o faga a temperatura pode diminuír entre 50 e 125 graos, e está a perder ata un 20% da calor acumulada. Utilice o reloxo programador ou o timbre avisador do forno.
- Se utiliza habitualmente o forno, saiba que os de convección favorecen a distribución uniforme da calor, aforran tempo e gastan menos enerxía.
Outros
- Cando adquira un pequeno electrodoméstico, merque o da potencia adecuada ás súas necesidades. Aínda que non o pareza, mentres se usan, secadores de pelo, microondas ou aspiradoras poden ter un consumo superior ao dun frigorífico.
- Apague a televisión, o vídeo, o aparello de música ou o ordenador, cando non os estea a usar. Deixalos en stand-by supón un consumo enerxético de ata un 33% máis.
- Desconecte os interruptores de arranque dos aparellos. Non os apague co mando a distancia, algúns compoñentes destes aparellos seguen conectados e consumindo ata o 80% do consumo normal. Un televisor apagado só co mando a distancia consume uns 15 vatios de potencia por hora.
A temperatura, a raia
- Un bo illamento pode aforrar ata un 40% do gasto dunha familia no consumo da calefacción, ao redor de 160 euros anuais, e tamén unha porcentaxe considerable en sistemas de aire acondicionado e climatización, segundo o Instituto de Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE).
- Substitúa os radiadores eléctricos por acumuladores de calor, e contrate a tarifa nocturna. Aforrará máis dun 50% en gastos de calefacción.
- Procure que a temperatura da calefacción se manteña sempre arredor dos 20 ºC, nivel térmico ideal para unha vivenda. Por cada grao adicional consumirá entre un 5 e un 7% máis de enerxía. E se se ausenta do seu fogar durante unha horas, reduza a posición do termóstato a 15º C.
- Por cada grao de temperatura que lle esixa ao seu aparato de aire acondicionado por baixo dos 25º C, estará a consumir aproximadamente un 8% máis de enerxía.
FONTE:Revista Consumer-Eroski
0 comentarios