AS GRAIL A PUNTO DE CHEGAR Á LÚA
Ilustración das sondas xemelgas da misión Grail na órbita da Lúa / NASA / JPL
As dúas naves xemelgas Grail, que foron lanzadas ao espazo o pasado 10 de setembro, están a punto de chegar ao seu destino: a Lúa. A Grail A chegará o próximo sábado 31 e a Grail B farao o domingo día 1. A distancia da Terra á Lúa é duns 400.000 quiilómetros e as naves do programa Apolo tardaban menos de catro días en chegar. As Grail, sen embargo, recorreron uns catro millóns de quilómetros en case catro meses. A razón é que viaxaron dando un gran rodeo, pasando polo punto de equilibro gravitatorio Sol-Terra denominado Lagrange 1. Os expertos da NASA elexiron esta estratexia para poder lanzar as naves ao espazo nun foguete máis pequeno –e máis barato- que indo directamente (partiron xuntas nun Delta II) e para ter máis tempo de verificación e posta a punto dos equipos de a bordo.
Despois de recorrer esa distancia por separado seguindo unhas longuísimas traxectorias case paralelas, agora poñeranse en órbita lunar separadas unha doutra por unha distancia duns 200 metros de media para, voando en formación, levantar un mapa gravitatorio do satélite natural da Terra, o que permitirá coñecer mellor a súa estructura interna.
As naves, duns 300 quilos cada unha e cun tamaño pouco maior que unha lavadora doméstica, levan uns equipos para medir a distancia entre elas con gran precisión (un erro máximo equivalente ao diámetro dun glóbulo vermello) e sobrevoarán o satélite natural a 55 quilómetros de altura e pasando case polos polos. Os datos adquiridos (cen veces máis precisos que os que se coñecen agora para a cara visible do satélite e mil veces para a cara oculta) permitirán aos científicos confeccionar un mapa gravitatorio lunar de alta resolución, o que proporcionará información de gran interés sobre a estructura interna da Lúa e a súa evolución.
A misión debe funcionar en órbita lunar durante 82 días. Está previsto que comence a fase de toma de datos científicos o próximo marzo, unha vez rematadas tódalas maniobras para colocar os dous artefactos na órbita de traballo e calibrado dos instrumentos.
FONTE: Xornal ABC/Ciencia.
0 comentarios