Blogia
vgomez

PREMIO NOBEL DE MEDICINA 2012

PREMIO NOBEL DE MEDICINA 2012

 John B. Gurdon e Shinya Yamanaka / Imaxe: lavanguardia.com

Como cada ano dende 1901, Suecia prepárase para a entrega dos Premios Nobel, que premian as mellores investigacións e traballos nas disciplinas de Fisioloxía e Medicina, Física, Química, Literatura e Economía, ademais do recoñecido premio Nobel da Paz.

A orixe dos premios Nobel está vinculada ás circunstancias persoais do seu fundador: Alfred Nobel (1833-1896), un magnate que acumulou unha fortuna cos seus inventos, pero a quen lle atormentaban as consecuencias funestas do máis famoso dos froitos do seu enxeño: a dinamita. Nobel legou a súa fortuna para premiar a benfeitores da humanidade, establecendo que o diñeiro se investise en valores inmobiliarios e que os intereses se dividisen en cinco partes iguais, tantas como premios creou.

Segundo fixo público a páxina web oficial destes premios, nesta edición 2012, o primeiro galardón, o Nobel de Filisoloxía e Medicina 2012, foi compartido polo británico John B. Gurdon e o xaponés Shinya Yamanaka por descubrir como se poden reprogramar as células maduras para que se convertan en células pluripotentes, capaces de transformarse en calquera tipo de tecido, o que revolucionou a comprensión científica de como se desenvolven as células e os organismos. Reprogramando estas células humanas, os científicos crearon novas oportunidades para estudar enfermidades e desenvolver métodos de diagnóstico e terapia.

Sir John Bertrand Gurdon, naceu o 2 de outubro de 1933. Biólogo británico coñecido pola investigación pioneira no transplante nuclear e a clonación.

Shinya Yamanaka, naceu o 4 de setembro de 1962. Biólogo xapones. Curiosamente en 2010, recibe o Premio de Biomedicina nos Premios Fundación BBVA Fronteiras do Coñecemento "por demostrar que é posible reprogramar células xa diferenciadas e devolvelas a un estado propio das células pluripotentes".

Dos 7 premios Nobel conseguidos por españois, 2 foron nesta especialidade: Santiago Ramón y Cajal, no ano 1906, e Severo Ochoa, en 1959.

FONTE: Xornal La Vanguardia e Wikipedia.org

0 comentarios