PREMIO PRINCESA DE ASTURIAS DE INVESTIGACIÓN CIENTÍFICA E TÉCNICA 2020
Meyer, Daubechies, Tao e Candès /
Na súa 40ª edición, o Premio Princesa de Asturias de Investigación Científica e Técnica galardoou a catro destacados matemáticos: o francés Yves F. Meyer (París, 1939), a belga Ingrid Daubechies (Houthalen-Helchteren, 1954), o australiano Terence Chi-Shen Tao (Adelaida, 1975) e o tamén francés, residente en EEUU, Emmanuel Jean Candès (París, 1970).
O galardón foi concedido polas súas "contribucións pioneiras e transcendentais ás teorías e técnicas modernas do procesamento matemático de datos e sinais", destacou a Fundación Princesa de Asturias. "Estas son base e soporte da era dixital (ao permitir comprimir arquivos gráficos sen apenas perda de resolución), da imaxe e o diagnóstico médicos (ao permitir reconstruír imaxes precisas a partir dun reducido número de datos) e da enxeñería e a investigación científica (ao eliminar interferencias e ruído de fondo)".
Os catro premiados teñen en común realizar traballos pioneiros na teoría das ondículas (ou wavelets) e outras técnicas matemáticas relacionadas, as cales proporcionaron novas ferramentas matemáticas con múltiples aplicacións tecnolóxicas.
As técnicas matemáticas desenvolvidas polos premiados están a ser fundamentais, por exemplo, para interpretar as imaxes do telescopio espacial Hubble ou a detección de ondas gravitacionais co observatorio Ligo. En xeral, numerosos campos relacionados co tratamento de imaxes e outra clase de datos, incluída a súa compresión, poden beneficiarse desta clase de ferramentas.
Parabéns!
FONTE: Ángel Díaz/elmundo.es/ciencia
0 comentarios